A humanización da senda de Albarellos xa está adxudicada

albarellos
photo_camera A estrada tras finalizar a primeira fase da actuación.
O obxectivo da actuación é mellorar a seguridade dos peatóns

A humanización da travesía de Albarellos (Monterrei), na estrada autonómica  OU-143, completarase tras a adxudicación da redacción do proxecto. A Xunta de Galicia adxudicou á empresa Inrupre S.L.P. a actuación por un importe superior aos 18.000 euros. 

O obxectivo desta obra é darlle continuidade ao itinerario rematado o pasado ano, a senda de Albarellos, que supuxo un investimento autonómico de 180.000 euros. Nunha reunión de traballo entre Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e José Luis Suárez, alcalde de Monterrei, acordaron a súa finalización e así definir as novas actuacións da Xunta en dita estrada de titularidade autonómica, que constitúe o eixo principal que vertebra o núcleo de Albarellos.

Nesta segunda fase do proxecto renovaranse as beirarrúas e mellorarase a accesibilidade. Con el deseñarase e definirase o detalle das actuacións necesarias para a prolongación do itinerario peonil, intervindo nuns 700 metros de vía para prolongar as beirarrúas actuais ata a rotonda da N-525.

A actuación “completarase coa reposición de servizos, a renovación de firme e de sinalización que sexan precisas”, explican dende a Consellería, destacando que “esta intervención permitirá completar a actuación en toda a travesía cunhas características coherentes coas obras xa levadas a cabo na primeira fase da senda, que incrementaron a seguridade dos peóns, facilitando desprazamentos cómodos e seguros”, conclúen sobre a vía, que tamén inclúe o Camiño.

Te puede interesar