ENTREVISTA

José Luis Tielas: "Verín debe ser lugar de referencia a nivel musical e bandístico"

JOSE LUIS TIELAS (MARCOS ATRIO)
photo_camera José Luis Tielas, o novo director do Conservatorio de Verín. (Foto: Marcos Atrio).
O novo director, márcase como principal obxectivo, posicionar o Conservatorio de Verín no mapa musical

José Luis Tielas (Ribadavia, 1976) é deses que non saben vivir sen música. Toda a súa carreira profesional xira ao redor desta. Dende este curso, é o novo director do Conservatorio de Música de Verín, pero tamén sustenta outros cargos, a gran maioría no ámbito das bandas, a súa gran paixón. Estudou un grado superior de Composición e Dirección de Orquestra e actualmente é docente e director. Entre os principais obxectivos do seu novo cargo verinés atópase o de posicionar o Cmus como lugar de referencia. 

 

Como acolleu a proposta de dirección do centro?

De sorpresa, pero moi feliz, é unha gran oportunidade de seguir aprendendo e mellorando a nivel laboral e persoal. Teño moitas ganas desta nova etapa.

 

Que obxectivos se marca para este curso?

O principal obxectivo é crear un bo ambiente de traballo, creo que é algo fundamental para poder acadar grandes retos como o de consolidar a Verín como un lugar de referencia a nivel musical e bandístico. 

 

Cantos alumnos hai matriculados este curso?

Neste curso, o alumnado oficial está entorno aos 70 matriculados en grado elemental e profesional, vai aumentando o volume de alumnos con respecto a anos pasados. Aínda sí temos que implementar novos recursos e estratexias para a busca de novos rapaces que queiran acceder ao Conservatorio. Este ano, comezamos a campaña para captar alumnos de 6 e 7 anos para os cursos de iniciación ao Conservatorio.

 

Anpa e Concello son fundamentais no desenvolvemento do Conservatorio?

Os meus xefes, Diego -concelleiro de Persoal- e Samanta -concelleira de Conservatorio e Cultura- son xente clara e concisa, teñen as ideas moi claras co que respecta a este servizo municipal e, a verdade, é que dá gusto poder traballar con xente que defende ao máximo estes servizos tan importantes para formar a nosa sociedade. Respecto á Anpa do Cmus, definila é unha tarefa complexa, atoparte con un grupo de xente tan motivado e con ganas de que os seus fillos teñan o mellor centro de formación posible, creo que a este nivel só pasa en Verín. Son pura enerxía, están continuamente buscando recursos e intentando que máis xente se sume a este proxecto. Son moi loitadores e parte importantísima no funcionamento deste proxecto. 

 

E o centro ten bos mestres?

Por suposto, os compañeiros de traballo, os mestres, son fundamentais. Síntome moi afortunado de poder dirixir un equipo de grandes profesionais como temos no Conservatorio de Verín.

 

Mais alá, da dirección do Conservatorio, con que outras actividades combina este cargo?

Son director das agrupacións que ten a Escola de Música da Limia: Agrupación Musical da Limia, Coral Santamariña e Xove Orquestra Ourensanía. Ademais estudo Dirección de Orquestra co mestre Miguel Romea e o máster de Investigación Musical na Universidade da Rioxa. 

 

Que é para vostede a música?

Pois sinto dicir, que despois de tantos anos non o sei moi ben (ri). O que si que sei é que require de moito sacrificio e constancia, moitísima capacidade para saber comunicar aos demais, moita xestión do autocontrol, respecto e admiración polos mestres e, o máis complicado deste mundo é que nunca chegarás a coñecelo de todo, é un mundo infinito de coñecemento, sempre estás aprendendo e formándote para poder aprender algo máis.

Te puede interesar