TERCEIRA IDADE

Laza ultima a inauguración da súa primeira casa do maior

Maribel Carballo.
photo_camera A responsable da casa de maiores Raigame, Maribel Carballo.

Está ubicada en Cimadevila e será xestionada por unha veciña da localidade durante cinco anos

Laza contará nos vindeiros días cun novo servizo para os maiores do concello. Trátase da súa primeira casa do maior, que se inaugurará unha vez que a Xunta de Galicia complete os trámites previos necesarios de cara á súa apertura definitiva. Dende o Consistorio agardan que esto suceda entre finais do presente mes de maio e comezos de xuño, pois o inmoble xa está rematado, acondicionado e conta coa licenza municipal pertinente. 

A casa do maior de Laza é unha iniciativa privada e coa mesma filosofía das casas niño, que contou con axuda da administración autonómica e tamén coa do propio goberno local, que asesorou á promotora, Maribel Carballo -veciña da localidade- en todo o vencellado á documentación e información previa precisa para que puidese levar a cabo un servizo de vital importancia no eido rural. 

"É un proxecto financiado a través da Consellería de Política Social, concretamente, pola Dirección Xeral de Maiores", apunta José Ramón Barreal, rexedor da localidade. "Co entusiasmo e ganas da nosa veciña Maribel, que recibiu todo o apoio do Concello, o proxecto saiu adiante", engade. 

A Dirección Xeral de Maiores aportou 15.000 euros para a obra, adecentamento do local, compra do equipamento necesario e material. Por outra banda, a segunda liña de axudas que percibirá a veciña emprendedora ascenderá a 19.600 euros por ano durante os próximos cinco. Desta contía, a promotora deberá afrontar os gastos en concepto de salario, pago de cuota de autónomos e gastos derivados do tipo de actividade a desenvolver. 

A casa do maior de Laza, que recibirá o nome de Raigame, será gratuíta para os cinco usuarios que consigan unha praza nela. "Ofrecemos un total de de cinco para persoas de grado un e dous, maiores de 60 anos e que non teñan este recurso", subliñou Maribel Carballo.


Un servizo "necesario" e "demandado"


Os usuarios da Casa do maior de Laza serán atendidos polo día e nunha xornada de oito horas adaptada ás súas necesidades . Neste senso, poderán optar por introducir un menú diario a maiores, que terá un custo de cinco euros ao día. Dende o Concello de Laza estase remitindo ao longo destas semanas información sobre todas estas cuestións, aos usuarios potenciais do centro. "A casa do maior convértese nunha realidade para o concello de Laza, e ofrecerá un servizo necesario e demandado polos nosos veciños. Unha aposta máis da Xunta, e do propio Consistorio, de compromiso e defensa do rural e da súa xente", manifestou Barreal, quen promoverá a apertura de servizos similares noutros pobos de Laza.

Te puede interesar