monterrei

En marcha a cuarta edición do FIC Vía XIV coas inscricións

As categorías serán similares ás de anos anteriores e dividiranse en outra mirada, horizontes, raia e nova

A organización do Festival Internacional de Curtas de Verín -FIC Vía XIV- vén de dar o pistoletazo de saída á cuarta edición do evento cinematográfico. Neste senso, os seus promotores acaban de activar as bases para que todos os cineastas interesados en participar poidan enviar as súas propostas ata o vindeiro 23 de xullo. O cuarto FIC celebrarase este ano entre o 30 de novembro e o 8 de decembro, e as bases con toda a información para remitir as pezas audiovisuais tamén se poderán consultar no enderezo web www.ficviaxiv.com. 

Tal e como explicaron dende a organización, as pezas deberán ter unha duración inferior aos 31 minutos e, a súa realización, debeu ser feita con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2018. As categorías ás que poderán concorrer dividiranse entre Outra mirada, Horizontes, Raia e Nova. Neste senso, establecerase un premio en cada unha de 750 euros e outro adicional do público de 600. 


Inscrición simbólica


Os promotores do FIC habilitarán unha inscrición simbólica de dous euros por curta. O motivo é "axudar a sufragar os gastos de xestión e o desprazamento do equipo de programación do certame que viaxa, con frecuencia, a diferentes mostras e festivais de cinema de España e do estranxeiro para realizar introspección e selección de curtas". Ademais tamén se pretende "establecer un filtro de calidade que posibilite un cribado inicial das pezas recibidas", tal e como apuntou o director do festival, Carlos Montero.

Na última edición, o evento audiovisual verinés recibiu máis de 1.260 curtas e, delas, foron seleccionadas un total de 68, procedentes de 26 países. Carlos Montero destacou a calidade das mesmas, xa que moitas se publicaron en festivais de renome.

Te puede interesar