"Mundo Árabe", a nova sección da Biblioteca de Verín

230905 Seccion Mundo Arabe_4 BIBLIOTECA DE VERÍN
photo_camera Samanta Barreira e Aurora Prieto na Biblioteca de Verín.
A entidade crea esta nova sección coas aportacións da Biblioteca Islámica "Félix María Pareja"

A Biblioteca Municipal e o Concello de Verín veñen de crear unha nova sección, baixo o título "Mundo Árabe". É un fondo bibliográfico en lingua árabe e en lingua castelán sobre a cultura, literatura e outros aspectos xerais que profundizan e recoñecen o valor do mundo árabe e o seu desenvolvemento en diferentes manifestacións culturais. 

Esta sección foi posible grazas á colaboración e ao interese de Luisa Mora Villarejo, xefa de Servizo da Biblioteca Islámica "Félix María Pareja", dependente da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación. "Nos últimos tempos a biblioteca viu incrementar o número de usuarios árabes que buscan nas nosas instalacións información, lecturas xerais e de lecer sobre a súa cultura", comentan dende a entidade. 

Así, a nova sección está integrada por máis de medio centenar de libros doados pola Biblioteca Islámica, entre os que se atopan dicionarios árabe-castelán, antoloxías poéticas, escritos sobre literatura palestina, Islam e dereitos humanos, entre outros. 

Samanta Barreira, concelleira de Cultura, quixo coñecer de primeira man a nova sección da Biblioteca Municipal, "unha sección que é un paso importante para promover o coñecemento e a comprensión da rica cultura árabe entre a cidadanía", dixo. "Agradecemos a colaboración da Biblioteca Islámica "Félix María Pareja" e esperamos que esta iniciativa fomente a interculturalidade e o diálogo entre as nosas comunidades", engadiu Barreira. 

Te puede interesar