A música tradicional inundará as rúas de Verín

photo_camera A presentación do evento. (Vídeo: C. C.).
A Banda de Gaitas Nova Era organiza estas xornadas para os días 3, 4, 5 e 6 de agosto

Volven as Xornadas de Música Tradicional Nova Era a Verín tras uns anos de parón pola pandemia. Os vindeiros días 3, 4, 5 e 6 de agosto as rúas da vila encheranse do son da música tradicional. A Banda de Gaitas Nova Era volve a celebrar este evento co obxectivo de dinamizar a axenda de Verín con actividades ao redor da música tradicional e popular galega. 

"Estas xornadas preséntanse como unha oportunidade para o encontro da veciñanza ao redor da música de raíz con foliadas, actividades para a cativada, visitas aos centros de maiores e incluso un intento de novo World Record Guinness", explican Álvaro Rúa e Daniel García, da Banda de Gaitas. "Unha proposta cultural que contará con máis de 50 músicos das asociacións culturais da comarca e o apoio do Concello de Verín e do tecido hostaleiro da vila", engadiron na presentación. 

Dende Nova Era animan á veciñanza a participar nestas xornadas: "Queremos que esta fin de semana enchades Verín de música tradicional", anotaron Rúa e García, os que tamén encheron a presentación de música. 

Pola súa banda, Samanta Barreira, concelleira de Cultura do Concello de Verín, aplaudiu a iniciativa e asegurou durante a presentación das Xornadas que "é moi importante apoiar este tipo de iniciativas que non só complementan a axenda cultural se non que contribúen a crear comunidade entre os grupos que participan e a propia veciñanza". 

Así, o 3 de agosto será a quenda do intento do récord á nota máis longa cun instrumento de vento, no Auditorio ás 11,00 horas. O 4 de agosto tocaralle á música na ludoteca de Verín e nos centros de maiores, mentres que o día 5 celebraranse os Cantos de taberna na zona vella de Verín. As III Xornadas de Música Tradicional Nova Era rematarán o domingo, 6 de agosto, co concerto "Un serán con Nova Era" na Praza García Barbón ás 20,00 horas. 

Te puede interesar