Monterrei

Nova era presentará mañá o seu último disco “Rumbo NE"

O concerto comezará ás 18,30 horas no Auditorio municipal de Verín

A Banda de Gaitas Nova era, eixo fundamental da Asociación Cultural de Música de Monterrei e fundada no ano 2014 por un grupo de músicos do Val de Monterrei, que apostaron por un proxecto a nivel local para o fomento e divulgación da música galega- presentará mañá sábado, día 28 de decembro, o seu último traballo "Rumbo NE". 

O concerto comezará ás 18,30 horas no Auditorio municipal de Verín e nel os asistentes poderán disfrutar dos novos temas da agrupación. O evento estará organizado pola Asociación de Música Tradicional de Monterrei, en colaboración co Concello de Verín.

A gala contará con varios convidados que colaboraron activamente na gravación do disco. Máis de 40 músicos subiranse ao escenario para fusionar música de raíz tradicional con ritmos e sons de todo o mundo. Neste senso, en "Rumbo NE" coexisten diversos estilos musicais que parten da música tradicional galega pero que buscan, ao mesmo tempo, explorar novos horizontes que leven á formación a unha nova dimensión musical. Nesta nova proposta da agrupación pódense escoitar xéneros tan diversos como a muiñeira galega ou o swing americano, pasando pola salsa cubana, a música dos países celtas ou os ritmos balcánicos.

As entradas para o espectáculo terán un custo de tres euros e terán que adquirirse mediante reserva previa na páxina de Facebook Asociación Cultural Música Tradicional de Monterrei - Banda de Gaitas Nova Era, onde informarán dos prazos para recollelas.

Te puede interesar