O PSOE esixe ao Goberno galego máis axudas para os produtores de agricultura ecolóxica

O PSOE da comarca de Verín.
photo_camera O PSOE da comarca de Verín.
Os socialistas acusan á Xunta de recortar as axudas á agricultura ecolóxica e poñer en risco a súa viabilidade

O PSOE da comarca de Verín celebrou este mércores un encontro en Riós con produtores de agricultura ecolóxica de toda Galicia, e aproveitou esta xuntanza para demandar á Xunta que garanta as axudas comprometidas para darlle viabilidade ao sector. “É fundamental para o futuro do rural galego”, subliñaron desde o PSdeG de Verín.

Na xornada, organizada pola secretaría comarcal do PSdeG na bisbarra de Verín e Monterrei, interviron o presidente da cooperativa Biocoop, José Luis Vaz, e o voceiro socialista de medio rural no Parlamento de Galicia, Martín Seco, e tamén participaron os parlamentarios socialistas Gonzalo Caballero, Adolfo Pérez Abellás, Miguel Bautista e Marina Ortega, e o exparlamentario Juan Carlos Francisco. 

Dende o PSdeG recordaron que a Xunta fai “de cara á galería” moitos chamamentos públicos para impulsar a agricultura ecolóxica en Galicia, se ben "non garante partidas económicas suficientes para chegar a todo o sector".

Ao respecto deste asunto, Martín Seco incidiu en que non se pode "consentir estes recortes", toda vez que poñen en cuestión a viabilidade económica de moitos produtores, e requiriu á Consellería que “rectifique” sobre as medidas a aplicar. 

Pola súa banda, o presidente de Biocoop defendeu a importancia da produción ecolóxica para a sostibilidade a través da lectura dun manifesto vinculado ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica, e  reclamou que as axudas non exclúan ningún dos produtores de Galicia coas partidas suficientes.

Te puede interesar