A obra do acceso ao Castelo de Monterrei licitarase este mes

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, no seu despacho de San Caetano. Santiago de Compostela, 7/6/2021.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, no seu despacho de San Caetano.
Rehabilitarase o pavimento histórico e tamén se mellorará a canalización e o saneamento

O rexedor local de Monterrei, José Luis Suárez, acompañado do secretario do Concello, Paulino Fernández, viaxou ata Santiago co obxectivo de manter un encontro de traballo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e tratar diversas cuestións vencelladas ao municipio ourensán. A máis importante foi, neste senso, a que ten que ver coas melloras previstas a curto prazo para o entorno do Castelo de Monterrei. 

Entre outros aspectos, esta intervención, que se licitará este mesmo mes de xuño na liña de finalizarse o vindeiro ano, buscará poñer en valor o Camiño Real e mellorar o acceso a este recinto emblemático. Realizarase unha rehabilitación do pavimento histórico, que permitirá o acceso ao tráfico rodado, e mellorarase a canalización e o saneamento.

Por outra banda, Núñez Feijóo analizou co alcalde de Monterrei a tramitación dos convenios deste 2021 para a limpeza, conservación e mantemento da contorna do castelo, así como para a realización de visitas guiadas e de información turística na fortaleza. Ademais, recordou o compromiso da Xunta de Galicia coa aprobación do proxecto sectorial da fortaleza de Monterrei.

Ambos representantes institucionais repasaron outras vías de colaboración previstas para este concello. No eido cultural e turístico, o titular do Goberno galego destacou tamén a achega de máis de 70.000 euros para levar a cabo a conservación integral do Camiño ao seu paso polo concello; así como as obras de urbanización da contorna da Capela de San Miguel en Vilaza, cun investimento de máis de 115.000 euros, e a mellora da accesibilidade e da sinalización da Ruta do Viño de Monterrei, cunha achega de preto de 90.000 euros. 

No eido de infraestruturas deportivas, Feijóo e Suárez abordaron o proxecto do Concello para construír un complexo, no que a Xunta mostrou a súa disposición a estudar a colaboración para o financiamento de pistas de pádel.

Por último, Feijóo trasladou o compromiso da Xunta de estudar a mellor alternativa para as augas residuais dos núcleos de A Pousa e Mixós e solicitará á Confederación do Douro que as incorpore ao proxecto de mellora da EDAR de Verín.

Te puede interesar