MONTERREI

A Oficina de Consumo de Verín atendeu 707 peticións

Verín
photo_camera Dúas veciñas informándose na Oficina de Consumo do Concello.

O sector con máis demandas segue sendo o das telecomunicacións 

Como vén sendo habitual ao peche de cada exercicio administrativo, a Oficina Municipal de Consumo de Verín acaba de publicar os datos correspondentes a 2018, ano no que se tramitaron un total de 707 atencións, entre consultas, mediacións e reclamacións. 

Do mesmo xeito que aconteceu nos últimos periodos, o sector con máis demandas continúa sendo o das telecomunicacións -telefonía e Internet- con un total de 172 reclamacións, 45 mediacións e 61 consultas. Neste senso, as problemáticas máis frecuentes adoitan ser as vencelladas coa contratación de liñas fixas e móbiles, contratos combinados de telefonía con ADSL e Televisión, desacordos coa facturación, incumprimento de ofertas, altas e baixas fraudulentas, impugnación de chamadas non realizadas, problemas de conexión a Internet, cobro de penalizacións e falta de cobertura.

Por outra banda, no eido do comercio, grandes superficies e compras por Internet, a oficina municipal recibiu un total de 52 reclamacións, 30 consultas e 27 mediacións relacionadas coas garantías dos produtos, cambios e devolucións, e compras en portais webs pouco seguras. Fontes municipais matizan que o comercio da vila amosa sempre "unha plena colaboración" no que atinxe aos clientes descontentos. Nesta liña, a responsable do departamento, Blanca Mascareñas, subliñou que "se despois da mediación non se consegue chegar a un acordo entre cliente e empresa, realízase a demanda, con traslado ao organismo encargado de ditar unha resolución, que varía dependendo do sector ao que se refire a reclamación". 

En terceiro lugar está o sector eléctrico con 43 reclamacións e seguen as demandas relacionadas con seguros e bancos.

Te puede interesar