VITICULTURA

Oímbra abrirá os días 23 e 30 a Adega das Barrocas

Ana Villarino, asegura que se trata "dunha oportunidade única" para coñecer o patrimonio local vencellado á viticultura

Oímbra incrementará a súa oferta turística durante estas datas de Nadal coa apertura para visitas da Adega das Barrocas . Realizarase os vindeiros días 23 e 30 de decembro. 

Dende as 10,00 horas da mañá e ata as 14,00 horas, dende este enclave -que forma parte da Ruta dos Lagares de Oímbra- explicarase o proceso de recuperación da adega que ten a súa orixe no século XVIII. Ademais, dende a organización posibilitarán aos participantes a realización da ruta curta, de 4 quilómetros, e da longa, de 12, polos propios lagares. 

Dende o Concello de Oímbra, a súa alcaldesa, Ana Villarino, asegura que se trata "dunha oportunidade única" para coñecer o patrimonio local vencellado á viticultura pois 8 das 26 bodegas comerciais da Denominación de Orixe de Monterrei están ubicadas na localidade. 

"Somos o concello de Galicia con maior concentración de Lagares Rupestres, o que significa que moitos séculos atrás Oímbra tamén era un municipio vitivinícola", apuntou a rexedora.

Te puede interesar