AXUDAS

Oímbra abriu o prazo para solicitar o plan Revivenda

Proporcionará subvencións para arranxo de vivendas e axudas para o aluguer durante o periodo dun ano

O Concello de Oímbra abriu esta semana o prazo para acollerse ao programa "Revivenda". Trátase dun proxecto piloto da Deputación de Ourense mediante o que se dotou ao concello cun orzamento de 100.000 euros co obxectivo de "tratar de buscar un equilibrio entre as necesidades daquelas persoas que precisan arrendar unha vivenda e aqueloutras que teñen vivendas baleiras". 

Neste sentido, a través dun rexistro de vivendas baleiras e outro de demandantes das mesmas, concederase aos propietarios subvencións para o seu arranxo, exención de taxas de licenzas ou devolucións do Imposto de Bens Inmobles. Os demandantes gozarán da subvención do aluguer durante un ano. 

Asimesmo, os propietarios obterán unha subvención a fondo perdido para a rehabilitación do fogar que podería chegar ata o 60 por cento, cun máximo de 12.000 euros. Os demandantes recibirán axuda ao aluguer durante un ano enteiro, (poderían acadar ata un máximo de axuda do 90 por cento). 

A alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, sinalou esta semana que se trata dun programa que busca o "asentamento de veciños" no concello. Tal e como adiantou, xa foron varias persoas a informarse sobre esta cuestión ao Concello durante estes días. 

Te puede interesar