Poesía, música e cine para celebrar as Letras Galegas en Verín

photo_camera Lourenzo presentou a programación das Letras Galegas. (Vídeo: C.C.).
O Concello de Verín presenta a programación enmarcada no 17 de maio

O Concello de Verín presentou onte a programación das actividades que se desenvolverán en Verín para celebrar o Día das Letras Galegas, que se prolongará durante a semana. Diego Lourenzo, tenente alcalde en representación da Área de Cultura, deu a coñecer a variedade de actos músico-literarios que están programados para homenaxear ao galego e a Francisco Fernández del Riego. 

A primeira cita será o 12 de maio cunha sesión de contacontos e manualidades para os socios máis pequenos da Biblioteca de Verín, dirixida polos voluntarios da entidade. Xa o 16 de maio, ás 20,30 horas, celebrarase na Praza da Mercé o concerto “Ialma canta a Rosalía”, un espectáculo no que Verónica Codesal, Natalia Codesal, Eva Fernández e Marisol Palomo contan a súa historia, que é a de moitos emigrantes. “O noso proxecto é, coma o de Rosalía, un horizonte de esperanza. Amamos a vida, a música, a poesía, a danza, a xente. Ialma é dignidade, liberdade e alegría de vivir”, así definen este espectáculo as integrantes do grupo. 

O propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio, celebrarase a tradicional gala músico-literaria das Letras. Será ás 19,00 horas no Auditorio Municipal e na mesma recitaranse os poemas gañadores do Certame de poesía Xosé Carlos Caneiro e leranse os traballos que gañaron o Certame de relato curto Antonio Fernández. O Conservatorio Profesional de Música será o encargado de poñer o broche musical a este evento, que estará presentado pola verinesa Helena Pousada.

Para culminar a programación a prol do galego, o 19 de maio, ás 19,30 horas, a Biblioteca de Verín acolle a presentación e proxección do documental “O Camiño Mozárabe: Sangue, suor e fe” de Vázquez Taín e producido por Amarola Produciones. Este documental “é un proxecto de máis de dous anos de investigación no que se pon o foco de atención nun dos roteiros máis relevantes do Camiño de Santiago, que quedou inxustamente relegado nos últimos anos e que están tentado recuperar co próximo proxecto”, explican dende Amarola Produciones. 

Te puede interesar