Un novo vehículo moderniza o servizo, que ten dúas unidades de 12 anos

Protección Civil de Verín reforza o parque móvil

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega onte dun vehículo todoterreo ao rexedor verinense, Juan Manuel Jiménez Morán, destinado a funcións de protección civil e emerxencias do Concello de Verín.
O vehículo que onte se entregou é un Nissan Pathfinder, todo terreo tracción 4x4, turbodiesel, de sete prazas e faros halóxenos, entre outras características, o que o fai idóneo para o emprego por parte da Protección Civil de Verín, que leva traballando na localidade dende o ano 1992.

Villanueva sinalou que 'esta entrega reafirma o compromiso da Xunta de Galicia pola eficacia e eficiencia dos nosos corpos de seguridade, nas emerxencias e na seguridade pública, o que vai redundar de forma moi positiva na cidadanía galega. Ademais completa a entrega o pasado luns de outros 60 vehículos de Protección Civil para as Asociacións de Voluntarios doutros tantos municipios galegos, que foron adquiridos pola Xunta e agora cedidos aos concellos grazas ao Fondo de Compensación Ambiental'.

O director resaltou que resulta necesario dotar ao servizo de Protección Civil dun vehículo todo terreo destinado para funcións de protección civil e emerxencias, para que o Concello de Verín poida ter un servizo local de protección civil que aporte aos cidadás e peregrinos os servizos de atención as emerxencias máis inmediatas, de xeito complementario aos servizos que prestan os parques de bombeiros.

Ademais, o concello de Verín colabora ca dirección xeral de Emerxencias e Interior, que é o organismo da Xunta de Galicia con competencia en materia de protección civil, na organización e realización de operativos, exercicios e simulacros, no desenvolvemento dos plans territoriais e especiais de protección civil e de maneira moi especial do desenvolvemento do Plan de atención ao peregrino, prestando axuda na xestión de emerxencias de ámbito local ou comarcal.


XINZO DE LIMIA

A vila de Xinzo de Limia conta tamén cun novo vehículo do 112 para cubrir o servizo tanto na vila como nos arredores. Trátase dun Suzuki Santana completamente equipado e capaz de acceder a todo tipo de terreos.

Te puede interesar