MELLORAS

O retablo da Mercé de Verín será restaurado en sete meses

Estas obras realízanse co fin de garantir a protección e conservación deste ben, que constitúe un conxunto de referencia do patrimonio histórico-eclesiástico de Verín

Os traballos de restauración do retablo maior xa comezaron na igrexa do convento da Mercé, en Verín, e desenvolveranse ó longo dos sete próximos meses, contando cun investimento de 67.375 euros que aporta íntegramente a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. 

Estas obras realízanse co fin de garantir a protección e conservación deste ben, que constitúe un conxunto de referencia do patrimonio histórico-eclesiástico de Verín, segundo informou onte a delegación territorial da Xunta en Ourense. 

O retablo presentaba un estado de conservación preocupante en certas zonas, principalmente polo repinte xeneralizado da obra que oculta o ataque de xilófagos. 

Ante esta situación, o pasado mes de outubro, a Consellería de Cultura asinou un convenio coa Comunidade Mercedaria de Verín para a posta a disposición dos inmobles necesarios para a restauración do retablo maior.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, que levou a cabo onte unha visita ós traballos, subliñou o compromiso do Goberno autonómico "coa preservación do noso rico patrimonio cultural", do que forma parte este retablo, que acolle o convento de Nosa Señora da Mercé, construído a raíz do traslado do edificio que os mercedarios tiñan na vila de Monterrei en advocación de Santa María Magdalena. 

Te puede interesar