O SATSE critica que se reduza o número de enfermeiras actual

Entrada principal do Hospital Público de Verín
photo_camera Entrada principal do Hospital Público de Verín
O sindicato cre que diminuír o servizo de enfermaría "vai xerar un claro risco asistencial"

O Sindicato de Enfermería SATSE, esixe a Xerencia da Área Sanitaria que anule a orde de reducir as presenzas de dúas enfermeiras das Urxencias do Hospital de Verín e convertelas en enfermeiras de “ambulancias”.

Dende o sindicato de enfermería aseguran que, “este servizo, esencial na atención sanitaria da comarca, non pode sufrir un recorte de este calado de ningún xeito”. “Diminuír unha enfermeira nas mañás e outra nas tardes, vai xerar un claro risco asistencial, nunha área tan sensible, porta de entrada de tódalas situacións críticas que se dan nesa poboación”, sinala o secretario de acción sindical, Manuel Fariñas.

O SATSE considera que “é inaudito que mentres se están a construír unhas novas urxencias -aumentouse ademais recentemente o equipo de médicos de urxencias-, a xerencia, sen embargo, esquece e castigue as enfermeiras, parte esencial dos equipos de urxencias”. 

Consideran que as consecuencias de esta medida ”terán resultados moi negativos e de claro impacto, como a sobrecarga do resto de equipo de enfermeiras e, máis importante , un verdadeiro risco asistencial”. 

Desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) aseguran que o que ven afirmando SATSE “é absolutamente falso”. Aseguran que “as urxencias de Verín teñen a mesma cobertura e non se quitou ningunha enfermeira de ningunha quenda”, engaden ademais que “os traslados en ambulancia forman parte das funcións que xa se viñan realizando con anterioridade”. Apuntan a que “este ano, de feito, sacáronse dúas novas prazas de cobertura de longa duración”

Te puede interesar