XORNADAS DE RADIO E TELEVISIÓN

Seoane reclama estudos de FP ‘acordes cos tempos' para Verín

OURENSE. 22.04.2016 AUDITORIO DE VERIN, JORNADAS DE RADIO Y TV. INTERVENCION DE ANGEL ORTIZ. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Un momento da conferencia que pronunciou Miguel Ángel Ortiz.

O alcalde inaugurou as Xornadas de Radio e Televisión que se celebran no novo Centro Cultural

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, reivindicou onte á Xunta de Galicia que "salde a débeda histórica que mantén cos mozos e mozas de Verín: darlle a oportunidade de formarse  en estudios de FP acordes cos tempos". O rexidor verinense fixo estas manifestacións no transcurso do acto de inauguración das I Xornadas de Radio e Televisión Municipal que se celebran entre onte e hoxe no novo Centro Cultural e das Artes de Verín.

Seoane agradeceu, na súa intervención, a cesión ás Xornadas dos traballos de investigación que fixo o exalcalde Santiago Cid Harguindey, cesión que se plasma nunha mostra de 20 cabeceiras editadas no Val de Monterrei nos últimos 150 anos. Así mesmo, agradeceu a colaboración nas Xornadas da Universidade de Santiago.
Seoane sinalou que o desenvolvemento destas Xornadas está "imbricado na reivindicación de novas ensinanzas regradas para a comarca, concretamente o ciclo de Imaxe e Son, para que os estudantes de Ensino Medio vexan incrementada a súa oferta docente no ámbito da Eurocidade.

A apertura das xornadas correu a cargo de Miguel Ángel Ortiz, profesor da Universidade Complutense de Madrid e exresponsable de Radio Nacional de España. O ponente destacou o enorme potencial das radios locais "como escaparate cara o mundo e de promoción e acceso á cultura  de pequenos e medianos municipios". Esto é así porque, segundo dixo, "funcionan de abaixo arriba", ó contrario das grandes cadeas, permitindo a difusión dos valores locais.

Ortiz puxo como exemplo o Entroido de Verín, preguntándose "cántos minutos pode ter en RNE ou nas grandes cadeas, dous, tres?. Pois na radio local podería ter unha dimensión maior que dera cabida a todos os colectivos locais", concluíu.
A xornada de onte completouse cunha mesa redonda sobre "A radio como proxecto municipal en Galicia", na que participaron Henrique Sanfiz, José Font e Santiago Veloso, e dous talleres, sobre "Dinamización audiovisual para axentes sociais", a cargo de Marc Villa, e  "Técnicas de radio para emisoras locais", que imparte Toñi España.

Hoxe as xornadas ábrense ás 11,00  horas cunha conferencia de Angel García Castillejo, da Universidad Carlos III de Madrid, que falará sobre o "Marco xurídico e perspectivas da radio e da televisión locais en España". Ás 12,00 horas terá lugar outra mesa redonda, sobre "Televisión local, municipal e on line en Galicia", coa intervención de Mercedes Vázquez, Xabi Lombardero e Antón Escudero. Pola tarde continuarán desenvolvéndose os dous talleres iniciados onte pola tarde.

Te puede interesar