REPORTAXE

A uva, símbolo de unión en Oímbra

photo_camera A cita, no lagar rupestre de Xan Preto. (Vídeo: C.C.).
As vellas costumes non desaparecen na localidade de Oímbra. Recrearon o pisado e prensado das uvas nos lagares rupestres. Uns 600 quilos encheron Xan Preto, acompañando a cita con música e vestimentas da época

En Oímbra volveron a amosar que son un pobo unido, no que traballan en conxunto por manter as tradicións e a historia dos seus antepasados. Este domingo, xuntáronse no lagar rupestre de Xan Preto para recrear o prensado e pisado de uvas como facían os nosos avós: cos pes, descalzos e facendo, deste traballo, unha festa veciñal. 

Alí, nun dos lagares que reconstruíron dende o Concello por ser o que máis posúe de toda Galicia, xuntáronse maiores e pequenos, vestidos de época e preparados para viaxar no tempo. Tiñan preparados uns 600 quilos de uva, os que se pisaron con intensidade e alegría co son das gaitas de fondo. Incluso Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra, participou de cheo nestes traballos. 

Tras estas tarefas no lagar, un carro tirado por un macho levou o futuro viño ata a adega de Barrocas, onde se encheron os pipotes e se brindou, así, polo fin da vendima e pola unión de Oímbra. 

Esta cita comezou a organizala o Concello, coa colaboración da Deputación, no ano 2018 co obxectivo de poñer en valor o patrimonio do lugar e a tradición galega.

Te puede interesar