CULTURA

Verín ensalzará cada mes unha peza do seu museo

Emilia Somoza e Gerardo Seoane supervisaron as novas redes sociais da mostra verinesa.
photo_camera Emilia Somoza e Gerardo Seoane supervisaron as novas redes sociais da mostra verinesa.
A primeira será "Dioniso e Ampelos" a alusión máis antiga á cultura do viño

Logo do periodo estival, os responsables do Museo Claustro Mercedario de Verín apostarán por relanzar a súa actividade e promoción exterior con diversas iniciativas como a recén creada "Peza do mes". Consistirá nunha serie de publicacións que irán indagando sobre a historia e a pegada na comarca das reliquias que compoñen a colección do Museo. Co gallo da vendima que ocupa estes días aos viticultores da zona, o vestixio inaugural para esta serie será "Dioniso e Ampelos", unha peza datada entre os séculos II-III despois de Cristo, que se identifica como a alusión máis antiga á cultura do viño en Galicia. Foi descuberta por Xesús Taboada Chivite no ano 1967 nunha escavación da vila romana coñecida como A Quinta da Muradella, en Mourazos, unha aldea do Concello de Verín. Os visitantes do Museo Claustro Mercedario de Verín poden hoxe en día ver dúas reproducións desta obra:  unha delas amosa a forma orixinal, tal e como foi atopada no século pasado, e a outra é unha simulación de como sería esta peza no momento da súa creación.

No eido da comunicación externa, a mostra verinesa ven de inaugurar as súas novas redes sociais  para achegar aos seus seguidores o labor que se está a realizar como centro de interpretación da historia, do patrimonio e do medio ambiente das terras do Támega.

Te puede interesar