Mandín, Feces de Abaixo e Feces da Cima xa son zona de concentración parcelaria

carretera feces cima
photo_camera Estada de Feces da Cima. (Foto: C.C.).
A reorganización territorial acolle unha superficie de 1.208 hectáreas que beneficia a 670 propietarios

A zona de concentración parcelaria de Mandín, Feces de Abaixo e Feces da Cima, no concello de Verín xa é algo sólido. Así o confirmou a Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, tras declarar a firmeza do acordo. 

Así, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que afecta a unha superficie de 1.208 hectáreas distribuídas en 2.225 predios de substitución cunha superficie media por leira de 5.454 metros cadrados, fronte aos 1.519 de superficie media das 7.954 parcelas iniciais. “Esta mellora, que beneficia a 670 propietarios, permítelles ás explotacións da zona reducir os seus custos de produción”, anotan dende a Consellería. 

Tras esta firmeza do acordo, só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega dos títulos de propiedade. Con esta zona serán xa un total de cinco os procesos de concentración parcelaria que se desenvolveron en Verín, abranguendo unha superficie total de 2.014 hectáreas. 

Á zona xa mencionada, súmase o proceso de Mourazos, Tamagos e Tamaguelos, a piques de rematar. Tamén se reordenou a propiedade en Tintores, Vilela; San Cibrao, Penelas; e Cabreiroá. Esta é unha das principais liñas de actuación de Medio Rural, que conta con 12 millóns de euros para Galicia.

Te puede interesar