MONTERREI

En Vilardevós son riquiñ@s

É o novo lema dunha escola que se está a convertir en exemplo de como no rural tamén se poden facer cousas imaxinativas. O CEIP de Vilardevós ofrece clases bilingüe e mesmo o almorzo vén con conto engadido. 

Riquiñ@s é o seu berro de guerra. Así lucían as camisolas dos cativos na festa de despedida do ano que tivo lugar no CEIP de Vilardevós e que se está a converter en marca non so da "cativaxe" -como di a súa directora- senón tamén da maioría das iniciativas, cando menos diferentes, que este ano se están a pór en marcha. Arrancou o curso escolar con notables deficiencias estructurais que pouco a pouco se foron subsanando coa colaboración tanto da equipa de profesores, como dos pais e mesmo da institución municipal, "que achega os seus efectivos na medida das súas posibilidades para arranxar o máis perentorio", comenta  a directora do centro, "Rochi" Nóvoa.

Meses atrás, pouco despois de comezaren as clases, era evidente o deterioro que presentaba o patio cuberto, e tamén o que non o é, do propio centro. Agora, entre outros dos moitos arranxos que viviu a escola, xa se pode seguir a pegada do abecedario ou mesmo disputar unha carreira na hipotética e recén pintada minúscula pista atlética dese recinto de ocio. Por non falar das súas columnas, que se poden diferenciar claramente porque cada unha delas ten unha cor distinta.

Pero se atractivo resulta a lixeira modificación estética que está a vivir esa escola, aínda o é máis a que se percibe dentro das aulas. Unha clase bilingüe de plástica, prensa diaria para todos aqueles rapaces de quinto e sexto ou mesmo a súa inclusión no programa "Ponte nas ondas" -que lles ofrece a posibilidade aos cativos de iniciarse no mundo da radio coa gravación dos seus podcast- son algunhas das iniciativas das que disfrutan os alumnos desta escola dende que arrancou o curso 2016/2017. Nembargantes, unha das máis novidosas e chamativas é a da merenda con conto.

Ata que remate o ano virán sendo arredor de 300 relatos distintos os que estean a dispor dos nenos no momento de facerse co seu bocadillo, co único propósito de animalos "ao sabio vicio da lectura", apunta "Rochi" Nóvoa, verdadeira artífice da transformación que está a vivir o Rodolfo Núñez dende que chegou á súa dirección. Detrás "tamén hai un claustro de profesores que se apuntan a todo e sen os que sería imposible estar conseguindo o que estamos conseguindo. E, por suposto, a implicación dos pais dos rapaces, cos que sempre podemos contar incluso para botar unha man coa pintura dalgunhas dependencias do centro". E di máis, "creo que dende Vilardevós estamos sendo capaces de amosarlle ao resto da comunidade educativa que con gañas, tesón, esforzo e imaxinación pódense facer moitas cousas, porque son quen de dicir alto e claro que o rural non ten por qué estar esquecido, que os rapaces do interior teñen o dereito de ter as mesmas oportunidades formativas cos seus coetáneos da cidade", conclúe a responsable do CEIP de Vilardevós.
 

Te puede interesar