CAMINO DE SANTIAGO

As vivendas do Camiño poden solicitar axudas

Poden beneficiarse das mesmas todas as vivendas que cumpran os requisitos e estean emprazadas nas parroquias polas que pasan as sete rutas do Camiño de Santiago

A Xunta organiza novas xornadas informativas sobre axudas á rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago, concretamente nos concellos de Vilardevós, Riós, Vilariño de Conso, Oimbra Laza, A Mezquita, Castrelo de Val, Verín, Monterrei e A Gudiña. Serán na semana do 11 ao 15 de abril, segundo anunciou onte este departamento do goberno galego. 

A área de rehabilitación dos Camiños de Santiago conta este ano cun orzamento de 3,2 millóns de euros para actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios. Comprende as sete rutas do Camiño de Santiago en Galicia, incluíndo 107 concellos e preto de 500 parroquias. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) levará a cabo as charlas informativas na totalidade dos concellos incluídos na Área de Rehabilitación Integral, dirixidas aos titulares de vivendas susceptibles de beneficiarse das axudas deste programa, do Plan RehaVIta, plan galego de rehabilitación, aluguer e mellor acceso á vivenda 2015-2020.

As axudas da ARI dos Camiños de Santiago consisten nunha subvención do 35 por cento do orzamento protexible, cantidade que será dun máximo de 11.000 euros por vivenda. Poden beneficiarse das mesmas todas as vivendas que cumpran os requisitos e estean emprazadas nas parroquias polas que pasan as sete rutas do Camiño de Santiago. 

Te puede interesar