Xuntos por Laza observa irregularidades no proceso selectivo do GES de Laza

concello de laza_resultado (c.c)
photo_camera A casa consistorial de Laza. (Foto: C.C.).

José Ramón Barreal, alcalde de Laza, explica que "o alcalde non tivo nada que ver no proceso, hai un tribunal profesional"

O grupo da oposición, Xuntos por Laza, vén de anunciar o seu desacordo e desconfianza no proceso selectivo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Concello. 

"Unha vez examinado o proceso selectivo do GES e creación da bolsa de emprego, coñecemos distintas irregularidades que se denotan no proceso", explican dende o grupo político, no que, Jorge Lorenzo, portavoz de Xuntos reclama que "a igualdade é para todos. Logo dicimos que non temos intereses de por medio, pero para non habelos as casualidades da vida, sempre que tira a moeda o señor alcalde ao aire, caelle do seu lado".

A crítica débese principalmente as puntuacións obtidas nas diferentes probas da fase de oposición por parte dos presentados. No que respecta á proba tipo test, un aspirante, "sen ningunha formación nin experiencia previa nas funcións do posto", din dende Xuntos, obtén 9 puntos sobre 10, fronte o 6,2 que acadan os seguintes -"aspirantes con experiencia e coñecementos propios".

Na proba práctica, dous aspirantes acadan 10 puntos, "un deles é o mesmo que saca a mellor nota no tipo test teórico, sen experiencia, algo que resulta un dato ben curioso". Aínda que este aspirante na proba do galego non acadou a nota máxima, "sitúase nunha boa posición de saída, sen ter ningún mérito na fase de concurso para valorar", destaca a oposición.

Ante esto, José Ramón Barreal, alcalde de Laza, explica que "o alcalde non tivo nada que ver no proceso, hai un tribunal profesional, ademais profesionais de acreditada reputación, que son os que se encargan da realización das probas, eu non teño nada que opinar, nin dicir, nin nada", engadindo que "o expediente está a súa disposición para que vexan o que hai".

Irregularidades nos prazos 

Ademais disto, dende Xuntos por Laza tamén observan irregularidades á hora de levar a cabo as datas e prazos marcados. "Parecía que o proceso selectivo quedara no olvido do señor alcalde, publicando a listaxe provisional de admitidos e excluidos cinco meses máis tarde da súa publicación", din Xuntos por Laza, engadindo que "15 días máis tarde publican a listaxe definitiva na que é nomeado o tribunal seleccionador, para que aos poucos días o alcalde asine unha providencia nomeando un novo tribunal".

Á hora de publicar na páxina web a acta de valoración do concurso, ademais da de constitución do tribunal, dende Xuntos aprecian algunhas valoracións "un tanto dubidosas, posto qeu se coñecen aspirantes que nunca traballaron nese campo que puntúan bastante neses apartados".

Barreal alega que o tema dos prazos debeuse a que "as convocatorias se fixeron coa pandemia, e suspendemos probas que non foran prescindibles, recuperándoo tras quitar o perímetro de Laza, pois tamén hai que ter en conta que o tribunal vén de fora e non ten nada que ver co Concello".

Así, Lorenzo, en representación do seu grupo político, reitera que "unha vez máis, o señor Barreal e os seus amigos, conseguen o que queren, e non conformes con iso, inda o fan sen descaro, preparando e ensinándolle ós aspirantes previamente ás probas como van a ser", concluíndo con que "vivimos nun pobo no que todo se ve e se conta, sabendo que o devandito aspirante comparte mesa, celebracións e comidas co señor alcalde e o tenente alcalde deste concello".

Frente á crítica de Xuntos por Laza, Barreal explica que "eu como alcalde teño relación con moita xente, e máis no mundo de protección civil e bombeiros, se a xente que me coñece non se pode presentar...", insistiendo en que "as persoas que coñecen alcaldes e demais teñen o mesmo dereito".

Te puede interesar