Xuntos por Laza oponse aos novos impostos da auga: "Castigará ós consumidores domésticos"

concello de laza_resultado (c.c)
photo_camera A casa consistorial de Laza. (Foto: C.C.).
O grupo municipal quere elevar á Xunta a súa oposición, polo que pide a unanimidade na votación plenaria do vindeiro xoves

O grupo municipal Xuntos Por Laza levará ao pleno deste xoves, 11 de outubro, unha moción para trasladar á Xunta de Galicia e oposición a súa postura sobre os novos impostos da auga. 

“A Xunta pretende aprobar dúas novas taxas -imposto de xestión de depuradoras e imposto de xestión da rede de colectores- que van disparar a factura da auga. Trátase de dous impostos de nova creación, incluídos no Anteproxecto de lei para a xestión integral do ciclo da auga, que visan substituír o actual coeficiente de vertidos”, explica Jorge Lorenzo, portavoz do partido lazano. 

Dende Xuntos critican que “a nova lexislación castigará máis aos consumidores domésticos” alegando que hai “estimacións de profesionais do sector que sitúan a suba do recibo nun 180% na auga dos fogares e nun 130% no caso de empresas”. 

Xuntos busca a unanimidade

Ante esta situación, Xuntos por Laza pide os votos a favor no vindeiro pleno ordinario: “Agardamos poder trasladar por unanimidade os acordos da moción, xa que vai atinxir aos consumidores domésticos, mais tamén aos concellos, os que deberán pagar o imposto de xestión de abastecementos”, señala Lorenzo.

Se finalmente a moción se aproba, trasladarán ao Goberno autonómico a súa postura ante as taxas, demandando a paralización deste anteproxecto e pedindo un saneamento e depuración “axeitadas” nas parroquias do rural, “para o que son neceasarios -engade Lorenzo- maiores dotacións”.

Ademais, instan á Xunta a deseñar un plan para toda Galicia, comezando polo interior galego e os concellos atinxidos por figuras de protección como a de Reserva da Biosfera, para dotar con carácter urxente de sistemas de depuración de augas residuais e saneamento a estes territorios. 

Te puede interesar