Mundo

O cadrado máxico galego en Nova York

Mundo

DENTRO DO IMPERIO

O cadrado máxico galego en Nova York

Celanova, Palmeira, Riveira, Ortigueira, Muros, Tomiño, Ramirás, Porto do Son…centos de concellos representados en todas estas Casas onde se escoita galego con gheada e seseo incluso en xente que xa naceu nos Estados Unidos

Fai hoxe xusto unha semana un galego americano pisaba por primeira vez a Habana, antes non podía. Na Habana foi onde por vez primeira foi interpretado o himno de Galicia, que é, como moitos outros fitos da nosa cultura, fillo da Emigración.

A instancias de Xosé Fontenla Leal -ilustre emigrante e presidente da Unión Redencionista Gallega- os versos de Eduardo Pondal musicados por Pascual Veiga foron escoitados por primeira vez o 20 de Nadal de 1907 no Centro Gallego da Habana, hoxe, o maxestoso Gran Teatro. E hai unha semana “Os pinos” volveron fungar.

Na capital da illa reuniuse o Consello das Comunidades Galegas, ou o que é o mesmo, os representantes dos principais centros galegos do mundo. Ate o de agora o papel dos centros estadounidenses fora menor nestas xuntanzas. Pese a gran relevancia social que ten a presencia galega en Nova York, en canto a tamaño, a número, Nova York é unha formiguiña comparado con países coma Arxentina, México, Uruguai, Venezuela ou a propia Cuba…onde, por exemplo, se estima que hai preto de 40.000 galegos e máis de 30 clubs ou asociacións dos nosos.

A potencia galega nos Estados Unidos concéntrase en Nova York. Máis concretamente en Nova York é en New Jersey. Lembremos que salvo a Casa Vasca, que non funciona todo o ano, e en menor medida o Centro Asturiano, ningunha outra comunidade española ten algo parecido a unha asociación cultural: Galicia ten catro. Os catro centros galegos son case unha metáfora das nosas provincias, dous e dous, separadas por un río. Neste caso no canto de ser o Miño, é o Hudson.

A bandeira de todas elas, e máis antiga, é Casa Galicia que está agora en Astoria en Queens. Conta con máis de mil socios e é unha entidade de referencia convidada en calquera acto oficial do Goberno en Nova York. Foi seu presidente quen pisou Cuba por primeira vez na súa vida a semana pasada. Marcos Roel, americano de Tomiño, galego de Queens, tiña prohibido viaxar a illa -como calquera outro cidadán americano- ata decembro de 2014 que Obama e Castro comezaron o desxeo.

Roel pisou a terra dos nosos ancestros na Habana e o fixo para reivindicar a galeguidade tamén dos Estados Unidos. Por vez primeira un membro da Unidade Gallega de Estados Unidos foi elixido membro da Comisión Delegada, primeiro representante da historia dos Estados Unidos e, a maiores, o máis novo tamén. A Unidade Gallega por certo é Casa Galicia no seu nome orixinal.

Pero a galeguidade de Nova York vai máis aló. Apenas a dúas mazás de Casa Galicia en Queens está o Círculo Español tamén fundado por galegos e que serve de sede ao Centro Asturiano. Primos irmáns ata a 6.000 quilómetros de distancia. Cruzamos o río Hudson no tren que se colle xusto onde estaban as Torres Xemelgas e en 35 minutos estamos en Newark. A primeira vez que puxen un pé alí o primeiro idioma que escoitei na estación foi o galego. Palabra. Esas cousas quedan gravadas. Newark é New Jersey, outro estado. Ata niso o Miño e o Hudson se parecen: os dous son fronteira natural para dous estados, e hai galegos aos dous lados da raia. Pois ben, en Newark atopamos o Centro Orensano e o Club España.

O Centro Orensano foi fundado en 1964 por ourensáns, claro, e nun principio só admitían como socios os desa provincia. O club naceu nunha modesta habitación en Pacific Street para ser agora un edificio de tres prantas cun salón de actos con capacidade para 300 persoas. Máis ou menos o que lle pasa ao Club España, tamén en Newark, a cuarta pata do cadrado máxico galego en Nova York.

Celanova, Palmeira, Riveira, Ortigueira, Muros, Tomiño, Ramirás, Porto do Son…centos de concellos representados en todas estas Casas onde se escoita galego con gheada e seseo incluso en xente que xa naceu nos Estados Unidos. É incrible como se conserva o idioma.

Outra das cousas que seguro que alí non se valora pero que aquí é gloria é que todos os centros conservan un bar. Si, un bar. Algo tan sinxelo e tan noso coma iso. Un sitio onde chegas pides a unha Estrella, sentas nunha mesa ao carón dos vellos para xogar a brisca, mentres escoitas o estrondo que fai a ficha de dominó contra a mesa. Iso tamén é cultura e moi nosa. Unha cultura da que gozan tamén o resto de españois. Cada vez que chegan aos nosos centros séntense como na casa. A través da nosa unión somos a casa de todos e podemos estar orgullosos delo.