ERA TRUMP NA CASA BLANCA

O oitavo Beatle

162670
photo_camera Jeff Sessions, detrás de Donald Trump, fiscal xeneral do Estado de EEUU.

Estamos todos de acordo en que George Martin foi o quinto Beatle. Stuart Sutcliffe foi o sexto. Pete Best podería ser o sétimo…e o oitavo? O oitavo podería ser Jeff Sessions.

Estamos todos de acordo en que George Martin, o lendario produtor, foi o quinto Beatle. Podemos dicir que Stuart Sutcliffe, o primeiro baixista da banda que quedou prendado de Hamburgo e Astrid Kirchherr, foi o sexto. E podemos dicir tamén que Pete Best, o primeiro batería antes de que entrara Ringo, podería ser o sétimo…e o oitavo? O oitavo podería ser Jeff Sessions. Non pode haber un nome mellor para ser unha estrela do rock. Jeff Sessions, John Lennon, Ry Davies, Eric Clapton…encaixa á perfección. Pero non. A carreira de Sessions non foi por aí. Agora mesmo é o equivalente ao fiscal xeneral do Estado (tradución literal, pero máis  ministro de Xustiza por atribucións comparables) en Estados Unidos. 

Sessions é da quinta, máis ou menos. Naceu no 46,  pero non en Liverpool. Naceu en Selma, en Alabama, e tirou polas leis no canto da música. Unhas leis que daquela nos Estados Unidos segregaban a brancos e negros, e coas que Sessions non podía estar máis de acordo. Chegan os 60, chegan os movementos sociais, chega Kennedy, chega Rosa Parks -que non se levanta para deixarlle seu sitio a un branco no autobús- e chega Martin Luther King. Baixo a presidencia de Lindon B. Jonhson o Congreso aproba en 1964 o Civil Rights Acts que acababa de forma oficial, que non real, co apartheid norteamericano. Chegaban tamén os Beatles nos 60 a Estados Unidos, pero Alabama non foi moi Beatle, a excepción dunha pequena vila que se chama Muscle Shoals onde Aretha Franklin atopou o seu son verdadeiro e os Rolling Stones se botaron a descansar.

O agora Fiscal Xeneral do Estado foi o primeiro Senador Republicano que apoiou publicamente á campaña de Trump. Na súa carreira intentou sen éxito ser Xuíz Federal pero non pasou o Comité Xudicial do Senado -oh, sorpresa!- pola súa conduta racista. Foi Reagan en 1986 quen o propuxo para ser o Xuíz do Distrito Sudoeste de Alabama. Non o pasou o corte non por pouca cousa. A propia viúva de Martin Luther King, Coretta Scott King, escribiu unha carta de puño e letra ao Senado para protestar contra ese intento de nomeamento. Na carta, que volve estar agora en circulación, a señora Scott King acusa directamente a Sessions de “usalo incrible poder da súa oficina para intimidar e asustar aos votantes negros de avanzada idade” entre outras cousas. 

Sessions foi rexeitado e tivo que “conformarse” con seguir sendo o Fiscal de Alabama para logo escalar a Senador.  Nestas estaba Sessions cando o chama Trump para ser Fiscal Xeneral do Estado ante a incredulidade dos demócratas e algún republicano tamén. Sessions tivo que ser confirmado no Congreso no que teñen maioría os republicanos, e a carta de Coretta Scott volveu saír á luz. Elizabeth Warren, a quen moitos vían como unha moito mellor candidata que Hillary Cinton, foi a encargada de recordarlle á Cámara quen era Sessions. Pero non a deixaron. Nun acto con poucos precedentes os Republicanos prohibíronlle a Warren ler o documento. Warren saíu ao corredor e leu a carta nun vídeo que máis tarde se faría viral. 

Quere dicir todo isto que Sessions non entrou con bo pé no cargo…o mesmo pé que agora ten fóra del por mor dos rusos. Sessions está sendo acusado de mentir baixo xuramento no Senado cando foi preguntado polas súas relacións con Rusia durante 2016. Agora sabemos que Jeff Sessions se reuniu dúas veces co embaixador ruso en Washington, Sergey Kislyak durante a campaña electoral, cousa que non desvelou cando foi cuestionado. Michael Flynn, o asesor de defensa de Trump xa caeu por contactos con este home e por mentirlle ao vicepresidente sobre eles. Sessions pode ir polo mesmo camiño se se demostra que nesas dúas conversas falaron das eleccións. E quen sabe o contido das conversas? Sessions e Kislyak. Resulta moi difícil de crer que en xullo e setembro se reuniran estas dúas persoas e non falaran en ningún intre das eleccións, porque non se falaba doutra cousa, e porque o traballo de Kislyak, é preguntar por elas. Se Kislyak ten esas conversas gravadas -e sabe que si falaron diso- ten unha poderosa arma que xogar contra o mesmísimo Fiscal Xeneral dos USA. Polo pronto a “non verdade” de Sessions fixo que se tivera que inhibir na investigación dos contactos do equipo de Trump e a intelixencia rusa durante a campaña. Pode que sexa o paso previo á súa renuncia. A caída do merlo branco de Trump.

Martin Luther King foi asasinado o 4 de abril do 68. En novembro desde ano os Beatles publican a canción de Paul “Blackbird” (Merlo). "Blackbird" non fala dun paxaro negro, fala sobre as tensións raciais nos Estados Unidos e Paul pensaba nunha muller negra (podía ser de Alabama) cando a compuxo. “Toda a túa vida estiveches esperando este momento para voar”, di Paul. Sessions é o merlo branco de Trump, o primeiro apoio, o fiel escudeiro e semella que ten as ás cortas…nunca ainda que queira será unha lenda como o maxestoso Merlo Negro de King e Paul.

Te puede interesar