Astano, un himno ao desemprego.

Os culpables
O catro inquilinos con estadía na Moncloa desde 1983 até hoxe en día, como asemade as formacións políticas do PP e PSOE, mutuamente, son culpables do declive que afonda á factoría Astano.
Entramos ao sexto ano de recesión, período crítico que na ferrolá ría dos estaleiros tórnase nun máis difícil ao chover sobre mollado, pois desde o inicio da reconversión do sector naval, o que fose principal motor industrial da comarca cumpre trinta anos sometido a unha diminución permanente da actividade económica que historicamente foi sostén de progreso e desenvolvemento. Agora, mentres 20.465 parados agardan inutilmente unha resposta ás súas demandas de emprego, o emblemático pórtico de Astano, signo do apoxeo do estaleiro, converteuse nun tótem estático, unha inútil mole de dúas patas como réplica dual do degradante papel do bipartidismo político, principal culpable de manter ociosa esta planta naval en tanto o desemprego rompe o teito do verosímil.

Faise obrigado lembrar que o despropósito desátase en 1983, cando por peaxe de entrada, a UE esixe a España reducir a capacidade de construción naval e o goberno socialista de González, resolve tal esixencia á conta de sacrificar Astano, e así por interesada discriminación, o mellor e mais competitivo estaleiro do país queda excluído do mercado civil, limitando a súa actividade ao mercado off-shore, restrición establecida á temporalidade límite do fin de ano do 2007.
Dicir, que aquela decisión de castigo supuxo o primeiro recorte da masa laboral da factoría, minguando o seu persoal operativo de sete mil a dous mil traballadores. Primeiro trancazo asestado coa conivencia dos dirixentes locais, sendo o proceso de fixación de excedentes un repugnante episodio onde o nepotismo político e sindical xa destapaba notorios síntomas de complicidade.

Chegada a etapa Aznar, o tratamento aplicado á factoría de Fene no que a marxinación se refire, non difire do seu antecesor socialista, pois foron os populares quen despois de asumir compromiso coa UE vinculándose a pechar toda liña de axudas estatais aos estaleiros públicos, incumpriron aquel acordo facendo todo o contrario, maquillando as axudas a través dunha torpe operación de fusións e absorcións sectoriais que supuñan unha infracción do pactado. Tal quebranto propiciou a incoación de senllas investigacións cuxa resolución recaeu no 2004 cando a UE resolve como ilegais as axudar concedidas, das cales, paradoxalmente, Astano non percibira contía algunha.
Aquela neglixencia, reflexo acorde do facer político do PP, era unha nova oportunidade que abría a porta aos intereses doutros territorios, dispostos a proseguir co seu empeño en liquidar toda actividade fabril da mais valiosa factoría naval do país.

De novo por alternancia electoral, é o socialista Zapatero quen previo acordo cos sindicatos estatais, pacta con Bruxelas a non devolución das axudas outorgadas polo seu predecesor popular, a cambio, da disgregación do anterior grupo naval e a súa conversión na actual Navantía, cuxa actividade quedaba restrinxida á construción de buques militares. No devandito pacto explicitamente prohíbeselle a Astano toda construción civil, non podendo sequera acollerse ao 20 por cento da cota outorgada a Navantia, engadindo como colofón a prórroga do veto que do ano 2007 amplíase até o 2015.
Aquelas medidas trouxeron consigo, ademais dunha nova diminución de emprego, a redución á mínima expresión da súa potencialidade como estaleiro, e mentres isto ocorría, os sindicalistas coautores, celebraban con xúbilo o premio dunhas prexubilacións de luxo que pechaba a porta ao futuro, sendo aquel presidente quen atrancaba aínda mais todo rexurdimento ao incumprir o seu deber de impulsar o levantamento do veto que comprometera en sede parlamentaria.

Nese baile de sucesión política, a finais do 2011 é de novo o PP liderado por Rajoy quen toma o mando do executivo, despois de ter asumido electoralmente o que o seu ascendente socialista negase acometer; comprometendo non só a deixar sen efecto as limitacións do veto, senón que ampliaba a súa oferta ao envorcar apoio incondicional á construción dun dique flotante, artefacto estratéxico para reforzar a oferta de contratación da factoría.
Transcorrido un ano de mandato con maioría absoluta e o referendo dun reelixido Feijóo, o certo é, que o resultado dun novo incumprimento pasou de mera presunción a unha rotunda evidencia, cuxa finalidade á marxe das aparencias, non é outra, que acentuar a inviabilidade a toda posibilidade de recuperación e así concluír o proceso de liquidación iniciado trinta anos atrás.

Este corolario de tres décadas cumpre o único propósito de correr o veo e destapar dunha vez por todas o xogo de barullo que manteñen o PSOE e o PP, e cuxa estratexia consiste en utilizar a mudanza política como variable de opinión, en función ao papel de goberno ou oposición. Basta manobra duns insolventes que sen resultado algún dedícanse a enredar desde Madrid o futuro dun estaleiro cuxa continuidade, como todo en España, depende en exclusiva das decisións de Berlín. Xa que logo, Astano ha seguir a ser un macabro himno ao desemprego...!

Te puede interesar