A epístola rexia

Súa maxestade o Rei
A espontánea epístola do Rei é un discurso impropio, unha declaración descontextualizada que ao amparo dun simulacro de unidade, tenta uniformar responsabilidades sobre a grave situación que padece o país.
Representa ser un desatino o desmedido fervor constitucional, esa defensa dos valores patrios á vella usanza, cuxos titulares manteñen prórroga destacada nos medios de comunicación, e todo, como consecuencia do conflito desatado pola manifesta vontade secesionista catalá, que excepcionalmente contou coa réplica da propia casa real en papel de destacado protagonismo, e coa directa participación do monarca, quen ao amparo dunhas mal entendidas competencias, por medio dunha misiva, para xeral coñecemento manifesta con toda contundencia, que o noso modelo de convivencia está ameazado.

Insinuando no devandito texto, que tal circunstancia é un feito reflexo, motivado pola aspiración soberanista exteriorizada por un amplo sector da sociedade catalá, cando tal pretensión, é negada polo marco constitucional español, que efectivamente impide o dereito á autodeterminación das súas nacións sen estado.

Quen optamos por revalidar o lexítimo dereito das comunidades históricas, quen apostamos pola diversidade, o pluralismo e a liberdade dos pobos a decidir o seu futuro, podemos considerar estratexicamente desacertado a elección do momento de consolidación reivindicativa da iniciativa catalá, pero moito mais desafortunada haberá de cualificarse a inédita intervención do Rei, entrado a inmiscirse en funcións á marxe das conferidas institucionalmente ao rol do seu cargo, pois en parte algunha o marco xurídico outórgalle facultades para expresar ou situarse sobre puntos de vista políticos, como resulta ser o implícito da súa controvertida carta que para maior abundamento interfere de modo parcial por cando a súa publicación realízase sutilmente días antes de que o Presidente da Generalitat, Artur Mas reunírase con Rajoy, e tal circunstancia á parte da imperdoable intromisión no debate político toma un cariz perigoso para a imparcialidade da monarquía.

A espontánea epístola do rei é un discurso impropio, unha declaración descontextualizada que ao amparo dun simulacro de unidade, tenta uniformar responsabilidades sobre a grave situación que padece o país, agrupando en idéntico contexto a culpables e inocentes, para así, diluír responsabilidades e camuflar dereitos constitucionais.

Por tanto o contido da carta rexia apelando a non perseguir quimera nin alentar disensións, delata de xeito evidente que se trata dunha operación coordinada, e mostra diso foi a testemuña tomada ao efecto polo presidente Rajoy no transcurso da sesión de control no Congreso dos Deputados, para advertir, que ante calquera intento secesionista faría gardar acatamento á Constitución non dubidando en aplicar os seus artigos para salvagardar a indisoluble unidade da Nación e a solidariedade entre as súas autonomías.

Táctica que por apropiado deseño e debida anticipación creou un ambiente prexudicial aos intereses do presidente da Generalitat. Quen pola súa carencia de estratexia, de falta de reacción ao non darse por aludido, supúxolle unha infravaloración que non só lle descolocou, senón que a falta de reacción debilitou ante os seus afíns a conquistada fortaleza das súas teses independentistas.

É evidente que o contido desta ciber - carta non ten nada de improvisado nin tampouco se trata dun verso solto. Aquí a métrica e a ritma estan coordinadas debidamente entre os ámbitos cortesáns de Zarzuela e Moncloa. Utilizando como referente estratéxico a sempre receptiva unidade de España, coa mutua finalidade de limpar imaxe. O Borbón faio para sacudir a deterioración ocasionada pola súa irresponsable cazaría de elefantes en Botswana, como tamén para resarcirse do profundo desgaste causado á coroa por significados membros da familia real. Rajoy pola súa banda, aproveitando a evidencia consultiva, utiliza a ocasión coa finalidade de promocionar a súa publicación, e aproveitar idéntico referente coa mesma finalidade, e así, quitar presión á súa caída de popularidade e frear o importante retroceso no apoio cidadán, para salvar os mobles nas autonómicas de Galicia e país Vasco, e afrontar con vantaxe o posterior rescate e a complexidade dos seus efectos derivados.

Esas causas delatan porqué a matizada misiva ten por única alusión de observancia , o articulo 155 da Constitución, relativo ás medidas de forzosa aplicación a comunidades autónomas hostís. E pola contra, esquece idéntica disciplina no tocante a outras vulneracións do dereito, como son, as relativas ao articulo 35 do dereito ao traballo, ou ao artigo 47 do dereito á vivenda. Ou se cala o agravio comparativo que representa a excepcional modificación do articulo 135, para outorgar preferencia ao pago da débeda, admitindo que os mercados financeiros aproveiten a crise para reorganizar a sociedade a seu antollo. Por iso, por mais que prediquen, e por mil cartas máis que redacten, o sentir de nación non o cambiarán coa Constitución

Te puede interesar