España,capital Berlín.

Collidos da man
Non sairemos do conflito mantendo a inadmisible decisión de tomar como propias as políticas impostas por quen goza dunha realidade socio económica, que por positiva, difire no substancial da limitación da nosa posición específica.
Cando nun estado, o poder executivo é desempeñado por un equipo de goberno cuxas decisións por desacertadas e incoherentes, son indicativas da súa incapacidade para o desenvolvemento das funcións atribuíbles ao cargo, entón nese país, ademais de estar en situación de alto risco dirixente, é evidente que os electores, ou ben foron suxeitos dunha fraude electoral, ou equivocaron a orientación política do voto. En calquera caso, a realidade dos feitos, viría demostrar que até a grandeza democrática ten o seu lado imperfecto.

O resultado desa imperfección, chega ao rodo español cada venres despois do consello de ministros, cando a portavoz Sáenz de Santamaría, ponnos ao corrente das últimas medidas acordadas polo executivo como solución á crise económica que nos comprime, e cuxos contidos, demostran ser a solución de nada.
Iso é así, por canto, tras uns meses de goberno e unha desenfreada e obsesiva onda de recortes para cumprir os obxectivos do déficit, os efectos paliativos de tan arriscada política arroxan un balance negativo, peor se cadra, que o dos seus predecesores no cargo.

A xulgar polos feitos, agora a crise parece tomar unha prórroga de temporalidade ilimitada, ante o agravante da contracción do mercado interno e a diminución das exportacións; factores que sumados á consumación dos peores presaxios que puidesen aventurarse sobre a presión especulativa dos mercados e á caída do 0,4% do PIB, supuxeron que España tecnicamente entrase en recesión.

Pero a pesar de todo, os asiduos da Moncloa parecen non querer asumir que non sairemos do conflito mantendo a inadmisible decisión de tomar como propias as políticas impostas por quen goza dunha realidade socio económica, que por positiva, difire no substancial da limitación da nosa posición específica.
Pensar que á emperatriz Merkel preocúpalle o máis mínimo a saúde económica de España, é igual que pensar que a prima de risco non é un sobreprezo da compra de débeda, senón unha parenta que temos en Alemaña..

Moi ao contrario, as nosas políticas de reactivación teñen de orientarse por flexibilizar na temporalidade a amortización da débeda a fin de dispor dos medios e prazos necesarios para afrontar o obxectivo preferente, que necesariamente, pasa pola potenciación e fortalecemento do tecido produtivo, a través da creación e recuperación de actividades empresariais e o ascenso da taxa de emprego. Aspectos motores para pór en marcha a dinamización da actividade económica coa alza inducida do Produto Interior Bruto do país.

Cabe referir ás portas dun semestre de goberno conservador, que á marxe da adversa reforma laboral, o executivo do PP, non tomou unha soa medida, centrada en reequilibrar os sectores produtivos para recuperar e dinamizar a actividade empresarial, como tampouco, estableceu alternativa algunha para activar o emprego, e todo iso, a pesar que a última enquisa de poboación activa, sitúa ao paro en 5.639.500 afectados, é dicir , a taxa máis alta de Europa co 24,44%, do mesmo xeito que o é o paro xuvenil, que alcanza o 51%. Tendo de engadirse a iso, o peche de 178500 empresas e comercios, como igualmente o incremento dos ERE nun 54,8%. Este é o outro hándicap, caracterizado por unha constante de quebras empresariais e máis desemprego, que veñen contraer aínda mais a decaída estrutura produtiva.

Pensar que o dilema entre crecemento e déficit non ten sentido, é decidir liquidar a crise esperando que obre o milagre e fornezan efecto as políticas impostas pola chanceler alemá, e referendadas incomprensiblemente polo presidente Rajoy.
Maiormente cando tal criterio é rexeitado pola propia oposición do país saxón, que razoablemente, condiciona o seu apoio ao pacto fiscal, á inclusión complementaria dun imposto ás transaccións financeiras e un programa de crecemento e emprego.

Tan só a un presidente de goberno curto de luces, ocórreselle, axustarse a realidades alleas e comportarse como o subordinado cónsul dun protectorado xermánico, despistando o feito, que foi a intransixencia da metrópole quen impuxo a súa arrogante xerarquía, evitando que o Banco Central Europeo, puidese financiar directamente aos estados, práctica que amparou os excesos dos mercados especulativos, que en sínteses, foi o verdadeiro factor desencadeante da actual crise do euro.

Mentres se manteña a servidume foránea con renuncia ao propio foro; mentres non sexa o cárcere a única disuasión aos delitos financeiros, o goberno do PP logrará sen dúbida arruinar o país, pero o que non conseguirá, será resolver a crise económica, por máis que a nova capital de España sexa Berlín.

Te puede interesar