A FADA MADRIÑA

Rajoy e a fada madriña
Desde a súa entrada na UE, España, nunca tivo un papel relevante no marco da comunidade, e tras os adversos efectos da crise económica e a nefasta xestión de goberno, a súa limitada capacidade de influencia, hoxe, viaxa no furgón de cola da Unión.
Vaia alivio, miúda alegría a nosa..!, parece que o problema deste país non é tan grave como se pintaba, pois o que se percibía como unha difusa incógnita, necesitaba tan só dunha mera operación de contabilidade das contas públicas, cuxa fácil solución, alcanzábase coa simple regra de equilibrar os ingresos cos gastos.

Isto polo menos, era a conclusión ordinaria que se desprendía do argumentado polo actual executivo ao momento de expor os motivos das súas excepcionais medidas de elevación da presión fiscal, aínda que a súa lectura era equívoca, pois aínda que a decisión foi cociñada nos fogóns da Moncloa, o descoñecido en orixe, era que previamente fose aderezada atendendo ao receitario discorrido ao efecto polos expertos chefs do 200 West Street, no Baixo Manhattan.

Pero se a inconveniente irrupción da influencia de ultramar a través de Goldman Sachs, non fose subordinación suficiente, a renuncia á soberanía de gobernación, esténdese ao marco do vello continente cando a emperatriz Merkel, nun exercicio de desmedida xerarquía, inmíscese, superando as competencias do propio presidente español, e nun acto de ordeno, mando e fago saber, obrígalle afrontar persoalmente a presidencia da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos, é dicir, toda unha reprodución mimética do que anteriormente a chanceler impuxera ás autoridades gregas e italianas, ou o que é mais grave, unha advertencia en toda regra de que a pesar do cambio de goberno, España, continuará na rotación de órbita periférica mantendo a súa condición accesoria no ámbito da Unión.

Resulta inaceptable que a pesar das contradicións entre as súas chamadas a intensificar a integración da (UE), e a reiterada oposición a emitir bonos europeos para repartir o peso do pago da débeda, a mandataria xermana, oficiosamente , siga apropiándose a xefatura de Europa co implícito acatamento dos países membro, facultade, que lle outorga determinación para impor as súas decisións unilaterais superando as competencias institucionais por mais que a maioría da oficialidade xerárquica europea manteña posicións opostas ás súas formulacións.

Por tanto, equivócase de plano o presidente Rajoy, pensando que unha alianza loxística coa mandataria alemá é o camiño apropiado para conducir solucións á problemática española, pois con esa estratexia, á parte de acentuar a diverxencia e a descomposición europea, mais que favorecer solucións á problemática xenuína, tan só alimenta a apetencia individualista da chanceler, e nada mais revelador, que a colleita alcanzada polo francés Sarkozy, cuxo balance de colaboración permanente coa veciña do norte, tradúcese na consecución de unha rebaixada imaxe de subordinado, que sumado á inexistencia de rendementos, a tres meses vista podería ocasionarlle serios prexuízos no seu encontro coas urnas.

Para non albergar dúbidas nin dar cabida a equívocos, a señora Merkel como representante da maior economía de Europa, falou alto e claro na súa intervención no Foro Económico Mundial de Davos, destacando sobre maneira, a súa oposición a contribuír á superación da crise por encima do tope cuberto. Reafirmándose unha vez máis na arraigada idea de recortes orzamentarios e reformas estruturais, medidas acordes á conxuntura Alemá , pero que en si mesmas non fornecerán efecto na solución efectiva dos múltiples problemas de España, pois resulta inadecuado e até absurdo aplicar un tratamento de uniformidade para combater afeccións dispares.

España como membro da Unión, ten de facer valer a súa condición de país soberano a través do foro europeo de pertenza, sen entregarse a disturbios financeiros nin ao acompañamento dunha fada madriña. Hai que erradicar a política do barullo e devolverlle á Comisión Europea (CE) a titularidade de funcións como Goberno Central Europeo, sendo este o organismo, que, en atribución ás súas competencias, ten de analizar a nosa problemática e singularidade diferenciada, a fin de resolver as reivindicacións en materias como, a revisión o teito de déficit, os fondos para o emprego, o levantamento do veto do sector naval, etc., etc. Remedios de acompañamento, axuda e complementariedade dos cambios e reformas iniciadas, e isto ten de ser así, si queremos afrontar con seriedade e realismo a saída da crise.

http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/

Te puede interesar