Que ninguén se confunda.

Camiño do futuro
O tan traído e levado respaldo electoral nos comicios galegos a prol das políticas neoliberais do PP, é unha apreciación onírica, unha fantasía militante á marxe da realidade.

A xulgar polas declaracións dos membros da cúpula dirixente, desde o oficialismo conservador, nun alarde de euforia, a súa xefatura interpreta o triunfo electoral do domingo último en clave metereolóxica, pensando que a súa vitoria dálles a cobertura protectora dun tempo de bonanza, ao deducir que cos resultados acadados, politicamente, lograron instalar un anticiclón permanente que frea a entrada a toda inclemencia borrascosa.

Estes meteorólogos da dirección 'popular' á hora de realizar as súas previsións debesen desprenderse do seu entusiasmo crónico, saber, que a presión social é unha mostra de descontento imparable que non se mide en milibares. Debesen asumir tamén que cunha diminución de 102.000 votos, teñen obtido o peor resultado do PP en Galicia desde hai 23 anos. Expoñente crítico de cuxo análise neutral se desprende a existencia de razóns sobradas, para aceptar, que os votantes, si pasaron unha severa factura ás inasumibles políticas de recortes.

Por tanto equivócase de plano quen traduce o triunfo de Feijóo como un impulso á política neoliberal do PP a nivel de estado. Negación reforzada asemade por factores de incorrección, pois por mais malgaste de suficiencia que se transmita, os protagonistas teñen de asumir sen mais paliativos a súa pertenza ao protectorado alemán, e aceptar que o goberno monicreque do noso país por renuncia expresa á autenticidade de soberanía, non ten outras políticas distintas ás ditadas desde a metrópole de Berlín.

En razón a iso, por mais xerarquía que Rajoy queira atribuírse nas nefastas políticas de Estado, o seu descrédito nacional e internacional é tal, que lle subtrae toda facultade e autoridade para exercer eficazmente o goberno do país. Sendo as oligarquías xermánicas a través das súas prácticas de absolutismo no seo da UE, e da intransixente imposición do papel a cumprir polo Banco Central Europeo, quen si impoñen con plena potestade a folla de ruta do noso futuro incógnito, decisións que como queda dito, cernan toda atribución ao gobernanza autóctona que actualmente ostenta o partido conservador español.

Xa que logo, o tan traído e levado respaldo electoral nos comicios galegos a prol das políticas neoliberais do PP, é unha apreciación onírica, unha fantasía militante á marxe da realidade, que en calquera caso, postos a desvariar, toda adxudicación dun suposto recoñecemento non tería de recaer en Rajoy pola súa condición de cónsul colonial, senón na chanceler Merkel, como referente intelectual e artífice das políticas neoliberais que sacoden a nosa estabilidade socio económica, e que a prole dos 'populares' a pesar dos graves prexuízos derivados non reparan en asumir de bo grado.

Neste contexto, hase referir que a crise que nos invade creou unha confusión na receptiva dos electores. As mensaxes claras de épocas pretéritas, aquelas que marcaban precisa diferenza de contraste e distinción entre a diversidade de ofertas políticas, agora, foron suplidas pola dinámica da falacia, por unha maxia terminolóxica escudada nunha algarabía macroeconómica, que fai que na súa mingua o elector déixese influír nas súas decisións transcendentais por aspectos tan anacrónicos como as oscilacións da prima de risco ou a evolución da débeda soberana.

É evidente que esa clase política franquiciada polos mercados financeiros non cella no seu empeño de favorecer os intereses dos seus protexidos, quen de seu son os auténticos axitadores da economía especulativa. E nesa traxectoria caracterizada por unha unidade de acción sen fisuras, é desde onde afianzan a súa estratexia de conquista á conta de utilizar a ignorancia como ferramenta de ampliación da súa masa activa, onde tamén, por fuga contra natura recalan inclusive os propios prexudicados dos seus efectos, como consecuencia, do deixamento de quen politicamente perderon papel opositor.

Con todo as eleccións galegas son o referente indicativo de que camiñamos cara a un cambio radical de época, que entramos nun ciclo convulso provocado por esas políticas de recorte que prodiga a forza política triunfadora e cuxo resultado, máis que achegar solucións acentuará a intensidade da crise, ao disparar no 2013 a perda de postos de traballo até un novo teito histórico, cuxa taxa se situará a nivel de estado no 27,2%, afectando a 6,4 millóns de traballadores. Cuxa tendencia tamén axitará mesmamente aos empresarios que contra toda inflexión veranse abocados a un incremento do 26% de peches, nunha imparable hemorraxia empresarial, é dicir, unhas previsións nada alentadoras e diametralmente opostas ao que a través de falsidades se nos pretende facer crer.

É momento de atoparse coa realidade, de que as forzas de esquerdas tomen acción de unidade, rescatando espazo social e recuperando o tempo perdido, para frear o servilismo político e deter a ostentosa ofensiva do poder económico transnacional, aínda que previamente, teñen de chover dimisións a eito que dean paso á apertura de claros e deixen albiscar o sol da renovación.

Te puede interesar