O acondicionamento da área industrial do Carballiño estará rematado en 2009

O proxecto de acondicionamento do polígono industrial da Uceira e do parque empresarial de Seoane, no municipio do Carballiño, recibiu onte o visto bó do Consello da Xunta de Galicia, cun orzamento de 2.251.896 euros a cargo da Consellería de Vivenda e Solo.
A execución do ‘Plan Director Área Empresarial Carballiño’ implica unha mellora na urbanización, sinalización e servizos de ambos parques, segundo sinalaron fontes do departamento que dirixe a nacionalista Teresa Táboas.

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a consellería e o Concello do Carballiño para levar a cabo as actuacións previstas neste programa, consistente na harmonización de ambas urbanizacións no referente ás beirarrúas, pavimentación, mobiliario urbano e sinalización viaria. O investimento de Vivenda e Solo quedará distribuído en dúas anualidades, correspondendo 1.157.695 euros ó exercicio deste ano e outros 1.094.201 con cargo ós orzamentos de 2009, e as obras de mellora deberán estar feitas antes do 31 de decembro do vindeiro ano.

Sinalización

Concretamente, no Parque empresarial reducirase o tamaño das rotondas, xa que dificultan o xiro para os vehículos articulados, e crearase unha zona arborada con inclusión de dúas illas ecolóxicas de reciclado e recollida de residuos orgánicos. No que respecta ó Polígono da Uceira executarase un novo firme de calzada tendo en conta que o pavimento está moi deteriorado, e námbolosdous parques unificarase a morfoloxía das beirarrúa, incluindo unha mellora da sinalización viaria de tipo horizontal e vertical. A propia Teresa Táboas explicou ós empresarios da asociación Área Industrial Carballiño (Aica) os detalles sobre estas actuacións de mellora previstas no Plan director nunha visita realizada no pasado mes de abril á vila do Arenteiro.


Te puede interesar