Os 'Amigos do Parque' invitan á plantación dun cento de árbores

Os veciños do Carballiño poderán participar o vindeiro sábado nunha iniciativa promovida pola Concellería de Medio Ambiente e a asociación 'Amigos do Parque', que consistirá na plantación de 100 árbores autóctonos nesta paraxe municipal. O obxectivo é aportar masa forestal naquelas zonas do Parque carballiñés onde se fixo unha tala intensiva de piñeiros.
O concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo García, manifestou que 'cara o futuro, a nosa intención é crear un bosque de árbores autóctonas, como carballos, castiñeiros ou cereixos, entre outras especies, a fin de complementar as xa existentes e que teñen máis de 50 anos de antigüidade'. Ademais, os veciños terán a oportunidade de coñece-las rutas botánicas que foron deseñadas no Parque, e que identifican cada exemplar cunha ficha sobre as súas características.


FERRAMENTAS

As persoas que desexen participar poden acudir, a partir das 11,00 horas do sábado, ó Centro de Interpretación da Natureza, ubicado na antiga Casa do Peón, de onde partirán cara o contorno da avenida de Vigo para levar a cabo a plantación, que se extenderá ó longo desta travesía interior do Parque. O departamento municipal de Medio Ambiente poñerá á disposición dos participantes as ferramentas que sexan necesarias para executar o traballo.

Te puede interesar