A apertura da planta de Seoane permitirá levar o lixo en festivos

O servizo municipal de recollida de lixo do Carballiño poderá trasladar á planta de transferencias da Mancomunidade comarcal, ubicada en Seoane, os residuos orgánicos que se depositen no municipio en datas festivas sinaladas. O edil de Medio Ambiente, Bernardo García, apunta que 'os encargados da instalación, que xestiona a Deputación provincial, manifestaron a súa disposición para abrir a planta en casos de acumulación de lixo en datas como as pasadas do 25 e 26 de decembro e 1 e 2 de xaneiro'.
O concelleiro nacionalista lembra que 'neses fines de semana, a planta estivo pechada e por iso os camións de recollida non puideron retirar o lixo que tiña saturados os contedores da vila, se ben veciños e empresarios sabían que neses días non se podían botar as bolsas'.

Así, a partires de agora, o Concello carballiñés só terá que poñerse en contacto cos xestores do depósito de Seoane para mantelo aberto e permitir que os camións poidan baleirar o seu contido. Bernardo García agradece 'a boa disposición amosada polos operarios da Deputación'.

Te puede interesar