ESCULTURA

O arquitecto Fernando Blanco deseña un cruceiro para a rotonda da Fontela

O cruceiro.
photo_camera O cruceiro.
A obra é un cruceiro abstracto, un tótem contemporáneo, que pretende ser un preámbulo da Igrexa da Veracruz

O arquitecto e artista carballiñés Fernando Blanco Guerra propón aos alcaldes de Carballiño e Maside a instalación dunha obra escultórica, concretamente dun cruceiro, na rotonda da Fontela. O rexedor de Maside, José Manuel Iglesias, sinala que se estudará a proposta e que tamén será necesario dirixirse ás administracións central e autonómica para comprobar a titularidade deste espazo e tamén a viabilidade do proxecto.

O alcalde carballiñés, Francisco Fumega, sinala que “a rotonda penso que é do Estado e está no Concello de Maside. A Carballiño todo o que sexa mellorar a entrada parécelle ben e está a favor de que o fagan”, tendo en conta que é un dos principais accesos ao casco urbano.

Fernando Blanco, que prepara tamén unha gran exposición da súa obra na Fundación Seoane, na Coruña, elixiu esta rotonda de máis de 80 metros de diámetro, nun cruce de camiños, con catro vías, “un lugar idóneo para un sinal, un cruceiro tridimensional”, con catro brazos aliñados cos puntos cardinais.

Engade que “arranca do chan en ángulo recto”, e construído en sillería de porpiaños de pedra azul de Pena Corneira, superpoñendo verticalmente 13 pezas ata unha altura de 9 metros de alzada en catro alas, “que acaban figurando na cima unha cruz de catro brazos desiguais”.

Trátase dun “cruceiro abstracto, un tótem contemporáneo, un preámbulo da Veracruz”. Ademais, “todas as pezas están trabadas por un eixo vertical que, armado por un tensor, garante a estabilidade do coxunto mesmo ante un posible impacto”.

Te puede interesar