Os cinco empregados de limpeza deben cubrir tamén ó rural carballiñés

A avaría dunha máquina obriga ó varrido a man

A máquina varredoira, estacionada na rúa Chamoso Lamas da villa. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O servizo de limpeza municipal do Carballiño estará saturado de traballo nesta semana, tras unha avaría detectada no vehículo automático de varrido na madrugada do pasado sábado. Esta máquina, que realiza ó traverso dun sistema eléctrico as tarefas de varrido, aspiración e limpeza con auga das rúas do casco urbán e do rural, foi imposible de arrincar e xa leva tres días estacionada na rúa Chamoso Lamas da vila.
O curioso é que o vehículo 'hai unha semana que saiu dun taller mecánico, onde lle foi reparada outra avaría', subliña o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo García. Este novo atranco supón trasladar a máquina ata un concesionario especializado, 'ó menos que apareza un experto que poida arranxala no Carballiño', engade o edil, quen destaca os seis anos de antigüidade da máquina, dende que foi mercada polo Concello.

A inutilización do vehículo varredor conleva unha multiplicación no traballo diario para os cinco operarios que se adican á limpeza manual das rúas e prazas do municipio con vasoiras e carriños. Así, mentres a máquina non volte a funcionar, estes empregados, ademais de acometer tódalas mañás o varrido no casco urbán, 'terán que desprazarse ós barrios da periferia rural a fin de substituir, na medida do posible, as tarefas que a máquina leva a cabo de xeito automático', apunta Bernardo García. Neste sentido, a Concellería de Medio Ambiente non descarta botar man dos voluntarios de Protección Civil para efectuar o lavado de rúas e prazas do municipio utilizando os camións motobomba de extinción de incendios.


RENOVACIÓN

A falla do persoal que o Concello carballiñés antes podía contratar ó traverso de convenios coa Xunta ou o Estado, repercute negativamente na mellora do servizo de limpeza, así como a precariedade na dotación de maquinaria. Según os datos que manexa o departamento de Bernardo García, sería necesario un investimento aproximado de 640.000 euros para a renovación do parque automobilístico. Así, sería necesaria a adquisición de dous camións compactadores para o baleirado dos contenedores; un novo vehículo varredor; unha máquina para a limpeza con auga a presión da vía pública e outra para o lavado e desinfección dos depósitos de lixo orgánico.

Te puede interesar