Os avós irán á escola para coñecer mellor ós seus netos

O Concello do Carballiño porá en marcha a finais deste mes unha iniciativa pioneira en Galicia, consistente nun programa de orientación no cal os protagonistas son os avós e a súa relación cos netos a nivel educativo e formativo. Así nace a 'Escola de avós e avoas', promovida pola Concellería de Educación, Cultura e Xuventude e o Servizo Municipal de Prevención en Drogodependencias, e que comezará a súa andaina o vindeiro 24 de novembro, coordenado pola psicopedagoga Diana Valeiras.
A concelleira desta área, Asunción Rivero, lembrou que 'levamos oito anos coa escola de nais e pais, e sabemos que na casa tamén os avós pasaron a ser persoas fundamentais no proceso de aprendizaxe dos seus netos'. O responsable da escola de pais, Xosé Manuel Fariñas, apuntou que 'a familia sufriu grandes cambios nos derradeiros anos, de xeito que xurden conflictos interxeracionais, posto que entre o establecemento de normais dos pais e a permisividade dos avós existe un abismo no ámbito educacional'.

Os maiores con netos interesados xa se poden inscribir, de xeito gratuito e ata un número máximo de 25 prazas, nas oficinas do departamento de Educación ata o martes 23 de novembro. As aulas para os avós ubicaranse no local municipal situado na rúa Calvo Sotelo, e o programa desenvolverase tódolos mércores ata o 29 de decembro, en horario de 11.00 a 12.15 horas.

Te puede interesar