A Banda de Gaitas do Irixo retoma as clases na súa escola

A agrupación fai un chamamento para animar ao público a que se una a este equipo, que xa suma 40 matriculados

A escola da Banda de Gaitas e Danzas O Irixo retoma a súa actividade o próximo 9 de setembro, despois dun curso repleto de actuacións en numerosas festas parroquiais e en eventos da contorna, como a I Romería das Pulpeiras en O Carballiño ou a XXXIV Festa da Istoria de Ribadavia, na que participarán o vindeiro 26 de agosto.

Este novo curso contará con clases de gaita, percusión e baile tradicional galego, que se impartirán no local social anexo ao CEIP Virxe da Pena da Sela en O Irixo. As clases individuais e colectivas, así como os ensaios grupais, impartiranse todos os sábados, xeralmente en horario de mañá.

En canto á inscrición de novos alumnos, destacan os responsables da escola que a matrícula será gratuíta e poderá efectuarse en calquera momento do curso, aínda que recomendan facelo nos inicios do mesmo para completar a formación anual. 

A cuota mensual é de 10 euros para maiores de 8 anos e gratis para os menores desta idade, e permitirá participar en tódalas actividades ofertadas, e recordan que para máis información poden contactar por redes sociais ou presencialmente no local de ensaio.

Dende a agrupación fan un chamamento para animar ao público en xeral a que se una a este equipo, “xente comprometida coa nosa cultura e tradición, o cal a día de hoxe xa conta cunha plantilla de 40 persoas matriculadas”, sinalan.

Te puede interesar