Un bando obliga á identificación dos animais que teñan dono

Bernardo García. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O alcalde do Carballiño, Carlos Montes, fixo público onte un bando encol da obrigatoriedade de que os donos de calquera animal o teñan debidamente identificado mediante un microchip, no caso de cans e gatos, ou un crotal se se trata de gando vacuno, ovino ou equino.
Esta medida vén motivada polos problemas que están a ocasionar animais soltos que circulan libremente por estradas ou mesmo polas rúas da vila. O articulado da orde foi elaborado polo concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo García, unha vez que nesta semana apareceu un cabalo morto e de propietario descoñecido no cauce do río Carrás.

Ademais, veciños do barrio residencial de Corzos alertaron antronte sobre a presencia de catro cabalos soltos nas inmediacións das súas vivendas. O edil nacionalista deu o aviso correspondente ó Seprona da Garda Civil, co obxectivo de localizar ós donos. No bando contémplanse que a Policía Local fará controis de identificación dos animais que se atopen en espazos públicos, e tomará as medidas que fixa a normativa vixente.

Te puede interesar