Beariz dixitaliza 21.640 páxinas do seu arquivo municipal para a conservación

Trátase de documentación relativa a actas, feiras, escolas e minería, entre outras, de 1899 a 2005

A Consellería de Cultura concedeu unha subvención de 14.400 euros ao Concello de Beariz para un proxecto de dixitalización de fondos do arquivo municipal. A empresa encargada de levar a cabo tal actuación é Unayta e o número de páxinas que se van a dixitalizar é de 21.640. 

O obxectivo básico desta actuación é definir os procesos de dixiltalización, creación e descrición de obxectos dixitais para que sexan difundidos e integrados no Arquivo Dixital e no recolector “Galiciana” Patrimonio Dixital de Galicia, do fondo documental do arquivo municipal de Beariz coa finalidade de mellorar o uso, consulta, difusión e preservación dos recursos documentais. 

A selección de series susceptibles da dixitalización son libros de acta de sesións de plenos e da comisión permanente, expedientes de actividade mineira, feiras, repoboacións de montes, creación de escolas e ordenanzas, entre outras moitas, todo comprendido entre os anos 1899 e 2005. 

Dita documentación, de carácter local, contribúe a aumentar o valor socioeconómico do concello. 

As autoridades locais consideran este traballo como unha oportunidade de transformación do seu fondo tradicional, maioritariamente en soporte de formato papel, e de migración aos formatos actuais. Seleccionouse aquela documentación máis susceptible de ser convertida en formato dixital para respaldar as labores de conservación de patrimonio material do Concello, así como contribuír á preservación e posta a disposición dunha maneira máis accesible e cómoda ante a cidadanía, segundo indicaron.

Te puede interesar