LITERATURA

A biblioteca acolle obradoiros infantís e ofrece libros a nenos no centro de saúde

O expositor de libros situado na sala de espera do servizo de pediatría, volve a contar cunha nova selección de lecturas infantís e xuvenís realizada pola bibliotecaria municipal

O Concello do Carballiño, a través da Biblioteca Pública Municipal, ven de reactivar no centro de saúde a campaña de dinamización lectora “Lendo espero”. O expositor de libros situado na sala de espera do servizo de pediatría, volve a contar cunha nova selección de lecturas infantís e xuvenís realizada pola bibliotecaria municipal, coa finalidade de facer máis levadeira a espera dos nenos que acudan á consulta. 

Por outra banda, o servizo de Normalización Lingüística programa tres obradoiros que se desenvolverán durante as vacacións de Semana Santa na sección infantil e xuvenil da biblioteca. Trátase dun obradoiro de animación á lectura, outro de ilustración e un de regueifa.

O obradoiro de animación á lectura “A maleta dos libros perdidos”, vai dirixido a nenos  de 3 a 8 anos, e terá lugar o 10 de abril, de 11,00 a 13,00 horas. O obradoiro de ilustración “Construíndo o noso libro ilustrado”, vai dirixido a nenos a partir dos 6 anos. Será impartido por Minia Rego Sanz e terá lugar o 11 de abril, no mesmo horario co anterior, de 11,00 a 13,00 horas.

Finalmente, o obradoiro de regueifa, que será impartido por Luis Caruncho e Pinto D´Herbón, vai dirixido a rapaces de 9 a 14 anos, e terá lugar o 12 de abril, de 11,00 a 12,00 horas. Os tres obradoiros son de balde, pero é preciso inscribirse  no servizo de Normalización Lingüística do Concello. 

Te puede interesar