PROVINCIA

O BNG demanda persoal para a Biblioteca do Carballiño

Os concelleiros da oposición non descartan recoller sinaturas para reclamar un "servizo decente"

 

O grupo municipal do BNG do Carballiño lamenta a xestión que o equipo de goberno está facendo da Biblioteca Pública, sinalando que a sección de infantil está pechada desde que comezou o ano. Os concelleiros declaran ademais que "non hai xestión algunha, xa que un día vai abrir un traballador e outro día vai outro, ademais consideramos que a xestión dunha biblioteca dunha vila como a do Carballiño ten que estar en mans dun técnico especialista e con formacion en arquivos".

Aseguran os concelleiros que os pais dos alumnos usuarios da biblioteca estanse poñendo en contacto co BNG para protestar por esta situación, e engade que "esto é unha mostra máis das políticas continuistas do partido socialista con respecto as políticas do Partido Popular, ademais da pouca preocupación que o equipo de goberno mostra pola cultura".

En consecuencia, este grupo da oposición solicita do goberno municipal unha mellor atención para os ususarios e unha mellor xestión, mediante a disponibilidade dun técnico especializado.

Dende o BNG, afirman que "non desbotamos a posibilidade de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar ao Concello un servizo de biblioteca decente", e co fin de atender a demanda dos veciños afectados.

Te puede interesar