O alcalde carballiñés replica: ‘Non saben do que falan, xa que levo un mes sen saír do consistorio’

O BNG plantexa deixar sen soldo a Montes en 2009 ‘pola súa nula adicación ó Concello’

Carlos Montes preside unha sesión dun pleno de Carballiño. (Foto: Martiño Pinal)
O grupo municipal do BNG do Carballiño estudia a posibilidade de solicitar a retirada da asignación económica que percibe o alcalde socialista Carlos Montes pola súa adicación exclusiva, nos orzamentos de 2009. O motivo, ‘a súa falta de responsabilidade e ausencia reiterada das tarefas do Concello’, sinalou onte o nacionalista Bernardo García. No mesmo sentido, o voceiro do PP, Argimiro Marnotes, advertiu que ‘nótase que o rexedor ten a axenda moi ocupada, pero nunca está nin se lle espera’.
A polémica encol das retribucións do alcalde do Carballiño, Carlos Montes, repetirase no debate dos orzamentos municipais para o presente exercicio económico, aínda pendentes de presentar por parte do equipo de goberno do Concello. É que o grupo municipal do BNG ten previsto estudiar a posibilidade de suprimir os 1.900 euros mensuais que cobra o rexedor socialista pola súa adicación exclusiva, alegando a súa escasa ádicación ás tarefas do seu cargo.

Así o adiantaba onte Bernardo García, un dos catro concelleiros nacionalistas nunha Corporación de 17 membros e na que xunto cos cinco ediles do PP conforman a maioría absoluta dende a oposición. ‘Ó igual que lle aprobamos o soldo o ano pasado, podémosllo quitar neste’, indicou o voceiro do BNG. E engadiu que ‘o señor alcalde non está a dar mostras de responsabililidade na xestión municipal, e por riba desaparece do Carballiño tódolos meses para disfrutar de vacacións’.

García lembrou os acordos plenarios que están pendentes de executar, ‘como o derrubo da nave de Protección Civil, a auditoría de contas ou a comisión de investigación da canceira, entre outras’. No mesmo sentido, o voceiro ‘popular’, Argimiro Marnotes recomendou a Carlos Montes ‘que se adique a traballar para as máis de 14.000 persoas que goberna, xa que di ter a axenda moi ocupada e resulta que nunca está nin se lle espera’. O edil do PP lamentaría ‘ter que suprimir a retribución ó alcalde, pero parece que é o que está a buscar’.

Carlos Montes manifestou, pola súa banda, que ‘non saben do que está a falar, xa que levo un mes sin saír da Casa do Concello mañá e tarde, atendendo ós veciños e mantendo xuntanzas cos concelleiros do meu grupo para preparar o borrador dos orzamentos’. E asegura que ‘o ano pasado estiven tan só fóra 15 días de vacacións e outros cinco neste’.

Orzamentos: Discrepancias polo cadro de persoal

A Mesa Xeral de Negociación do Concello do Carballiño aprobou por 12 votos a favor e tan só un en contra do sindicato CIG a relación de postos de traballo, que deberá incorporarse ó expediente dos orzamentos para o seu debate plenario. O concelleiro de Persoal, José Antonio Barge, defendeu as subas de complementos específicos a funcionarios e a desaparición de tres prazas por xubilación dos seus titulares. Ademais, adiantou que ‘imos recurrir calquera acordo da Corporación que sexa contrario a este cadro de persoal’. Nembargantes, o representante da CIG, Xavier Rodríguez, indicou que ‘non estamos dacordo co proceso, xa que non hai un sistema de clasificación dos postos de traballo e iso repercute na falta de obxectividade na aplicación dos complementos salariais’.

Te puede interesar