O BNG reclama medidas para mellorar a seguridade vial

Pide mellor sinalización e iluminación nos pasos peonís e beirarrúas máis accesibles

O grupo municipal do BNG do Carballiño reclama ao goberno socialista que leve a cabo as intervencións necesarias para mellorar a seguridade vial, fundamentalmente para os peóns. Desta maneira, demanda unhas beirrarúas debidamente coidadas e accesibles para todos; pasos de peóns coidados e sinalizados e tamén reducir a situación de risco do colectivo infantil como usuarios das vías, mellorando a seguridade, sobre todo nos espazos próximos ós centros educativos ou deportivos. 

Sobre a situación na que están algunhas rúas consideran os nacionalistas que se debe á "desidia por parte do goberno local para cumprir a lei de seguridade vial e a lei de accesibilidade".

Por iso, pide ao Concello que se tomen medidas o antes posible, porque "estas normas non se cumpren e temos un claro exemplo en pasos de peóns sen unha boa sinalización; beirarrúas sen una accesibilidade axeitada, sobre todo para persoas con mobilidade reducida, carriños de nenos... ou que nin presentan unha continuidade correcta para poder camiñar sen ningún perigo; e na falta de iluminación dalgunhas rúas".

A lei de accesibilidade contempla que as áreas peonís deben deseñarse e realizarse sendo accesibles a calquera persoa e garantindo a súa seguridade e o seu uso non discriminatorio, matiza o BNG. "Así mesmo, non podemos esquecer que o seu incrumprimento está recoñecido como sanción moi grave", engade.

Te puede interesar