O fallo do certame foi emitido despois de dúas horas de debate na Casa do Concello do Carballiño

Camilo Nogueira e Chus Pato gañan o premio ‘Losada Diéguez’ pola súa calidade literaria

O membros do xurado, presidido polo alcalde en funcións do Carballiño, Manuel Dacal. (Foto: José Paz)
A vixesimo-cuarta edición do premio ‘Antón Losada Diéguez’ xa ten gañadores nas persoas de Chus Pato, en creación literaria, pola obra ‘Hordas de escritura’, e Camilo Nogueira Román, en investigación e ensaio, co traballo ‘O continente pensado’. O xura do do certame tivo que facer varias votacións para decidir o seu fallo entre os 47 orixinais presentados nas dúas modalidades. A entrega dos galardóns está prevista para o 13 de xuño nun acto que se desenvolverá no pazo de Moldes de Boborás.
O xurado do premio ‘Antón Losada Diéguez’ tivo que recurrir onte por vez primeira en 24 anos á quendas de votacións para elexir os gañadores nas dúas modalidades de creación literaria e investigación. Nesta vixesimo-cuarta edición, a poeta Chus Pato resultou gañadora no eido literario coa súa obra ‘Hordas de escritura’, mentres o economista e político Camilo Nogueira Román foi seleccionado polo seu ensaio ‘Europa, o continente pensado’.

O tribunal cualificador, presidido polo alcalde en funcións do Carballiño, Manuel Dacal, estivo reunido durante dúas horas -de 11.00 a 13.00na Casa do Concello debido á falla de unanimidade dos seus membros, que representan ás universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, tamén a Real Academia Galega e Museo do Pobo Galego, o Concello de Boborás e a Deputación provincial.

Dese xeito, no eido de creación literaria seleccionáronse 12 dos 24 orixinais presentados, quedando sete nunha segunda votación e tres nunha terceira, antes do veredicto final. Así foi elexido o poemario de Chus Pato, descartándose ‘Costa Norte/ZFK’, de Xurxo Borrazás, e ‘Música de cinca’, de Manuel Forcadela.

O mesmo sucedeu no apartado de investigación, con 23 traballos. Tras unha primeira criba, nove obras enfrontáronse a outra definitiva na que a maioría do xurado decantouse polo ensaio de Nogueira fronte a María do Pilar Freitas, autora de ‘A represión lingüística en Galicia no século XX’.

Os galardóns será entregados nun acto literario que se desen volverá o vindeiro 13 de xuño no pazo da familia Losada, na localidade de Moldes, no Concello de Boborás. Previamente, oficiarase unha misa solemne e unha homenaxe floral ante a campa do ilustre profesor e galeguista.

AS OBRAS

Unha poesía fresca e rigor documental no análise político O libro de Chus Pato foi presentado por Edicións Xerais e o xurado valorou que ‘é un poemario que sobrancea pola súa explosiva orixinalidade, unha proposta poética dunha Chus Pato madura e sempre fresca’. Ademais, en ‘Hordas de escritura’ os membros da comisión seleccionadora atoparon ‘uns versos poderosos que se debullan nunha nova aposta sólida e ben traballada, con mesturas de xéneros e temas xa enxergadas nos seus últimos traballos’.

Encol do ensaio de Camilo Nogueira Román, publicado pola Editorial Galaxia, o xurado destacou que ‘a obra aborda con rigor documental e fondura analítica o novo marco económico e político supra-estatal europeo, que condiciona a xénese e o tratamento de problemas decisivos para o presente e o futuro de Galicia’.

Aportacións Tanto Chus Pato como Camilo Nogueira protagonizarán a cerimonia que terá lugar en Moldes no mes de xuño. Alí recibirán un diploma acreditativo, unha escultura de recordo e cadanseu cheque por valor de 6.000 euros como dotación económica do premio.

A aportación da cantidade total de 12.000 euros do ‘Antón Losada Diéguez’ está distribuida entre ós 6.000 que aporta a Deputación, mentres os Concellos de Boborás e Carballiño poñen 3.000 cada un.





Te puede interesar