Unha campaña de ecoloxistas pretende concienciar sobre a adopción de mascotas

Os colectivos ecoloxistas Matar por Matar Non e Outeiro unen as súas forzas nunha campaña de concienciación cidadán no Carballiño para a adopción de cans e gatos, e deste xeito evitar o comercio ilegal de especies animais. Os promotores desta iniciativa apuntan que ‘o mellor é adoptar un exemplar da canceira municipal da Medela, onde hai cans de enorme beleza e de tódolos tipos de raza e tamaño’.
Os responsables da campaña, Xulio Rodríguez e Francisco Valeiras, sinalan que ‘se un veciño ten unha cadela non debe deixar que se quede preñada, porque é mellor unha semana de aillamento na súa casa que ter catro crías que van ser abandoadas’. E no caso de parir, os ecoloxistas recomendan que ‘o propietario lle busque dono ós recén nacidos, xa que é máis doado atopar a catro amigos que os acollan que na canceira teñamos que buscar dono a vinte crías’.

Outra alternativa que propoñen Matar por Matar Non e Outeiro é que ‘se a unha persoa lle gustan os cans pero non pode telos, pode visitar a canceira e apadriñar un levándoo de paseo, xa que nós encargámonos de alimentalo e gardalo’.

Te puede interesar