La Región

CARBALLIÑO

Un carballiñés crea un xogo de mesa sobre cultura galega

"Ti non es de aquí?" está tendo moi boa aceptación polo que xa está á venda a segunda edición 

Eladino Cabanelas mostra o seu xogo de mesa. (S.P.)
Eladino Cabanelas mostra o seu xogo de mesa. (S.P.)
Un carballiñés crea un xogo de mesa sobre cultura galega

Eladino Cabanelas, deseñador gráfico que traballa como autónomo no Carballiño coa marca OZOCOgz Deseño Galego, é o creador dun xogo ao que xa se coñece como o "trivial galego", que contén 875 preguntas repartidas entre cinco temáticas: Historia, Lingua e Literatura, Ciencias e Xeografía, patrimonio material e inmaterial, e actualidade. O xogo "Ti non es de aquí?" sacouno a venda durante o pasado verán, comezando con 400 exemplares, e nestes momentos xa está coa segunda edición despois do éxito que conseguiu, fundamentalmente en centros educativos, entre os escolares da ESO e Bacharelato, xa que polo nivel das preguntas está dirixido aos adultos, pero tamén xa recibiu encargos da Xunta de Galicia para repartilo entre institutos e incluso de algún concello como o de Vigo para utilizalos nos campamentos xuvenís. 

Incluso, sinala o autor como curiosidade que nunha taberna de Negreira organizan concursos nos que participan os clientes.

"É unha especie de trivial pero con grandes diferencias; é cultural e social para adultos, e agora mesmo é o único xogo sobre cultura galega que hai no mercado", sinala Eladino Cabanelas.

O creador síntese moi orgulloso da aceptación que está tendo e xa está pensando na terceira edición cara o próximo Nadal, e tamén nun segundo xogo pero en versión infantil, para nenos de Primaria e Secundaria, aínda que asegura que a súa creación é moi laboriosa porque ademais do deseño, require moita lectura para facer unha boa selección das preguntas, que lle levou dous anos.

Tras o deseño, as figuras dos seis peóns foron encargadas a unha empresa de Alemania porque Cabanelas quería que foran de madeira; o taboleiro ven de Aragón e o resto do material utilizado fíxose en Ourense. "Faltaba un xogo en galego e sobre cultura galega, e apostamos por este produto, trátase de normalizar o tempo de ocio na nosa lingua", engade Cabanelas.

O xogo costa 36,95 euros e está a venda na tenda online de OZOCOgz e en librerías de cidades e vilas.


Catro respostas e só unha é falsa


A diferencia do trivial, cada pregunta ten catro respostas e só unha é a falsa, que é a que ten que acertar o xogador.  Cos seis peóns dispoñibles pódese xogar de dous a seis individuais ou tamén en equipos. "Con este xogo, que ten tantas respostas verdadeiras, vas aprendendo moito, adquirindo coñecementos", apunta Eladino Cabanelas. No taboleiro hai imaxes sobre o patrimonio, as árbores, Castelao e Rosalía, a gaita galega e un rei medieval, simbolizando cada unha das temáticas, e se a preguna escollida ao azar coincide na súa temática coa casilla que estás ocupando, e acertas, entón avanzas dous postos máis. A dificultade é media alta e por iso o creador está pensando agora en idear outro para os nenos, a partir dos nove anos. "Quería facer un produto diferente que fose novidoso e faltaba este xogo en galego".