O Carballiño acolle a 120 maiores para que non pasen o Nadal sós

<p></p>
photo_camera A Residencia de Tempo Libre do Carballiño está próxima ó parque municipal e acollerá a estadía.

Contarán con 13 voluntarios para facerlles compañía e desenvolver actividades de ocio entre o 23 de decembro e 2 de xaneiro 

A Residencia de Tempo Libre do Carballiño acollerá a 120 persoas maiores de 60 anos que gozarán dunha estancia entre os vindeiros 23 de decembro e o 2 de xaneiro. Son os beneficiarios do programa Xuntos polo Nadal, dirixido a persoas que están soas para que podan celebrar estas festas en compañía. A iniciativa está organizada pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, que oferta un total de 240 prazas, que se reparten entre as residencias de Carballiño e Paxón (Pontevedra).

No programa colabora tamén a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a través dunha experiencia de voluntariado, contando con 17 persoas para desenvolver a programación especial que se ofrece nas dúas residencias, das que 13 estarán no Carballiño. Os voluntarios proporcionarán apoio e acompañamento aos maiores e colaboración na organización das actividades lúdicas. Este ano superan en número ó de anteriores edicións, con 7 persoas en 2012 e 2013, e 9 en 2014, resultando a iniciativa "altamente gratificante, tanto para o persoal das residencias, como para as persoas maiores e para os propios voluntarios", segundo sinalan fontes da Consellería de Política Social.

As persoas voluntarias estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil, subscrita pola Dirección Xeral de Xuventude, e ó finalizar a súa acción voluntaria, expediráselles un certificado acreditativo onde conste a labor realizada.

ALOXAMENTO

O programa Xuntos polo Nadal, que comeza o 23 de decembro e remata o 2 de xaneiro, incluirá aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, o desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo ata as residencias de tempo libre, así como a viaxe de volta. Ao abeiro do programa realizaranse numerosas actividades de animación sociocultural durante os 11 días estadía.

As axudas ao fomento do voluntariado son unha das políticas fundamentais, segundo destacan os responsables da Dirección Xeral de Xuventude, asegurando que este ano 2016 verá incrementados os seus orzamentos nun 15% ata chegar aos 9.443.168 euros.

Tamén engaden, que as axudas que impulsan o voluntariado dirixidas a entidades locais e outras asociacións veranse incrementadas nun 4,08% superando os 520.000 euros.

Te puede interesar