O Carballiño renova a súa páxina web

O Carballiño renova a súa páxina web para dar resposta ás necesidades do Concello e ás demandas da cidadanía. A nova páxina estará operativa nos próximos días e mellorará o acceso á mesma dende dispositivos como os teléfonos móbiles ou as tabletas

O Carballiño renova a súa páxina web para dar resposta ás necesidades do Concello e ás demandas da cidadanía
A nova páxina estará operativa nos próximos días e mellorará o acceso á mesma dende dispositivos como os teléfonos móbiles ou as tabletas

O Concello do Carballiño contará nos próximos días coa súa nova páxina web. A mesma xa está elaborada, presentouse esta mañá, e os contidos migraranse nos próximos días ao dominio carballino.gal para que estea xa a disposición de todos os cidadáns a partires da vindeira semana.
O Concello presentou esta mañá a súa nova páxina web nun acto desenvolvido no salón de plenos municipal. O proxecto de creación foi realizado pola empresa VisualQ e no acto de presentación participaron o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, o informático do Concello, Christian López, e Luis Baños, de VisualQ.

Francisco Fumega sinalou que o obxectivo da iniciativa foi actualizar unha páxina web que se quedara obsoleta e que co novo formato resultará moito máis áxil, ofrecerá máis información e servizos para os cidadáns e contribuirá á promoción da vila e das actividades que se desenvolven na mesma no día a día.
Luis Baños sinalou que o obxectivo do traballo foi actualizar unha web que se quedara desfasada e que non animaba aos veciños a facer uso dela por unha nova que ofrece moita máis información, é moito máis áxil e rápida e facilitará tamén a realización de trámites e xestións co Concello dende a mesma. 

Un dos aspectos que se coidou de maneira especial foi ofrecer un acceso moito máis rápido e con mellores contidos e servizos para os dispositivos móbiles. Conscientes de que son maioría os cidadáns que acceden á web dende dispositivos como o teléfono móbil ou a tableta, a nova web facilitará unha consulta rápida e permitirá navegar con moita facilidade pola mesma.

O representante de VisualQ tamén destacou o feito de que a nova web ten acceso directo á páxina de turismo presentada hai unhas semanas, o que reforza a páxina institucional cunha web, como a de Turismo, que conta con moitos contidos e cunha ampla oferta e información sobre os recursos do municipio. A nova web tamén servirá, segundo Luis Baños, para que os veciños coñezan moito mellor o seu propio Concello, ao dar acceso a información ou recursos que son menos coñecidos, e aos visitantes ou ás persoas de fóra que queren coñecer O Carballiño.

O informático municipal, Christian López, sinalou que nos próximos días se procederá a migrar a nova páxina, aloxada na actualidade no dominio carballino.org, ao seu destino definitivo: o domino oficial do Concello do Carballiño, é dicir a carballino.gal. Incidiu Christian López no feito de que a nova páxina mellorará moito a resposta ao cidadán, permitirá acceder a máis contidos e información e a sede electrónica permitirá realizar os trámites e xestións ante o Concello nun entorno no que o obxectivo é mellorar a internet para a cidadanía. 

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, salientou o feito de que a nova web axudará a dar unha resposta máis rápida aos cidadáns e mellorará de forma destacada a relación do Concello coa veciñanza da vila. Tamén xogará un importante papel na promoción de todas as actividades que se desenvolven dende Cultura e as respectivas concellerías.

Te puede interesar