As actuais escavacións deixaron ó descuberto o segundo alxibe que surtía de auga á antiga cidade

Un centro de interpretación no xacemento de Lás dará a coñecer a vida e cultura castrexa

Vista del castro de San Cibrao de Las. (Foto: Archivo)
O primeiro Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa abrirá as súas portas no mes de decembro. Mentras, continúan as escavacións no xacemento de San Cibrán de Lás, que acaban de deixar ó descuberto o segundo alxibe que surtía de auga á cidade, e tamén as obras do edificio que acollerá un centro de interpretación e que estará acabado en maio. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, visitou este entorno e anunciou que en febreiro sacará a concurso a contratación do proxecto museográfico do centro.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, anunciou a inauguración do primeiro Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrán de Lás, situado nos concellos de San Amaro e Punxín, para o vindeiro mes de decembro. Paralelamente ás escavacións no xacemento estanse a realizar as obras de construcción do centro de interpretación da cultura castrexa, que estarán rematadas no mes de maio. Deste xeito, Bugallo tamén adiantou que en febreiro sairá a concurso a contratación do proxecto museográfico do centro.

A titular deste departamento autonómico anunciaba os prazos deste proxecto (que se iniciou no 2005) no transcurso da visita que fixo onte ó xacemento e ó mesmo edificio e na que estuvo acompañada polo director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, polos alcaldes de San Amaro e Punxín, Ernesto Pérez e Alfredo Cruz, respectivamente, ademais dos arquitectos e arqueólogos, xunto con concelleiros das comarcas de Carballiño e O Ribeiro.

Destacou Ánxela Bugallo que este castro ‘é de gran importancia, é o máis grande de Galicia e queremos que non só sexa o centro de interpretación de Lás, senón de toda a cultura castrexa, e que manterá unha estreita colaborción co Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense’. Engadiu que o obxetivo consiste en que ‘os visitantes podan interpretar a importancia desta cultura a través do castro e do conxunto didáctico do centro’.

O referido centro funcionará como a cabeceira doutras instalacións ligadas á cultura castrexa e os visitantes recibirán as claves necesarias para o seu coñecemento, que completarán cun percorrido pola cidade.

Dos sete millóns de euros que se invirten no proxecto, medio millón destínase ás escavacións, segundo puntualizou a conselleira. A directora dos traballos arqueolóxicos, Yolanda Álvarez, referiuse o último descobremen to no xacemento que corresponde o segundo alxibe, mediante o que se surtía de auga á cidade, ocupada primeiro polos nativos e despois polos romanos. O depósito conta cun acceso ó val do Barbantiño e está rodeado dunha muralla defensiva.

CARACTERÍSTICAS

Unha superficie de 25 hectáreas

O futuro parque arqueolóxico comprenderá unha superficie de máis de 25 hectáreas. O edificio, no que se invirten 4,7 millóns, abrangue unha superficie de 3.000 metros cadrados, dos que 1.000 metros estarán adicados ás exposicións estables. Outros 300 metros destinaranse a exposicións temporais co obxetivo de manter actualizados os contidos e amosar as novidades que se produzan conforme avanza a investigación con novas escavacións no castro. Ademáis das salas de exposicións, didácticas e de investigación, o edificio contará tamén con biblioteca e cafetería.



Te puede interesar